Actualidade

A Universidade da Coruña e a empresa NTT DATA promoven a Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía

03/02/2022

 

A Universidade da Coruña e a empresa NTT DATA, sexta compañía de servizos de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) do mundo, asinaron hoxe na Reitoría o convenio de creación da Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía, posta en marcha este mesmo mes de febreiro co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.


O reitor, Julio Abalde, e o director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, firmaron o acordo de creación desta nova Cátedra que toma o relevo da Cátedra de Transformación Dixital, creada hai catro anos pola antiga everis -hoxe NTT DATA- e a UDC. Segundo comentou Abalde, esta Cátedra permitirá, entre outras cousas, traballar no impulso de vocacións tecnolóxicas femininas. “É moi importante que haxa mulleres tecnólogas que contribúan no deseño da tecnoloxía e os traballos do futuro, se non é así, será un futuro no que non participa a metade da poboación”. O director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, sostivo que esta Cátedra reforza o compromiso de NTT DATA coa transformación dixital de Galicia. “Queremos apostar polo talento diverso e inclusivo, o pensamento creativo e con impacto, a autonomía na toma de decisións e a capacidade para traballar en equipo”, subliñou durante a firma do convenio coa UDC.


A Cátedra NTT DATA de Diversidade e Tecnoloxía supón un avance nos obxectivos tanto da empresa como da Universidade coruñesa na inclusión e a diversidade á vez que contribúe á mellora económica e social e á atención á diversidade, como elemento fundamental nos campos da ciencia e a cultura. O profesor Luis Hervella será o director da Cátedra. Hervella foi director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC durante dous anos e decano da Facultade de Informática de 2013 ata o ano 2021.


No plan de actividades previsto pola Cátedra destaca a colaboración no deseño e impartición de programas de formación; organización de xornadas sobre atención específica á diversidade en títulos de campo STEM; promoción de estudos tecnolóxicos entre estudantes preuniversitarios, atendendo a toda a súa diversidade; formación para a creación de empresas de base tecnolóxica ou para a explotación dos resultados da investigación ou a organización de visitas á sede de NTT DATA, entre moitas outras.
 
Seminario UNIQA para habilidades directivas e marca persoal
Dentro do marco de colaboración entre NTT DATA e a UDC xorde UniQA, un seminario feminino dirixido ao impulso das habilidades directivas e a marca persoal nas novas tecnoloxías e os traballos de futuro. Esta iniciativa, que comezará o próximo 12 de febreiro, busca impulsar o peche da brecha existente nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Segundo datos do Ministerio de Educación, só o 26% das estudantes optan por este tipo de itinerarios, a pesar de que máis da metade do alumnado universitario, o 54%, é feminino.


Con esta colaboración e actividades como UniQA, ambas as institucións apuntan ao incremento da presenza feminina nas vocacións científico-tecnolóxicas, aliñándose cos obxectivos da Unión Europea neste campo da educación.

Sobre NTT DATA
NTT DATA, parte do Grupo NTT, é unha compañía innovadora global de servizos empresariais e de IT con sede en Tokio. A empresa axuda aos clientes no seu proceso de transformación a través de consultoría, solucións industriais, servizos de procesos comerciais, modernización dixital e de IT e servizos administrados. NTT DATA permítelles a eles, así como á sociedade, avanzar con confianza cara ao futuro dixital. A compañía demostra o seu compromiso co éxito a longo prazo dos seus clientes, combinando o alcance global coa atención local, para traballar con eles en máis de 50 países de todo o mundo. Para saber máis, visita nttdata.com.

 


 
Foto: Desde a esquerda, o novo director da Cátedra, Luis Hervella, o reitor, Julio Abalde, o director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, e outros representantes da empresa.