Actualidade

A Universidade da Coruña e a FUAC asinaron un convenio no veleiro maís antigo de Galicia coa Consellería de Mar para elaborar o Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030

14/07/2021

 

A Universidade da Coruña e a FUAC asinaron un convenio no veleiro maís antigo de Galicia coa Consellería de Mar para elaborar o Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. A sinatura do convenio fíxose o luns 5 de xullo nun acto simbólico a bordo do balandro Joaquín Vieta, o veleiro máis antigo de Galicia, construído entre 1915 e 1916  nunha carpintería de Ribeira do Freixo (Outes).

 

O convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do padroado da Fundación  Universidade da Coruña (FUAC), José María Barja, para a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. Este acordo, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 2 de xuño, permitirá deseñar un plan de accións para protexer o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro.

 

A colaboración ,que estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 con opción de prórroga e conta con preto de 200.000 euros de financiamento da Consellería do Mar.

 

Toda a costa galega

 

O traballo vai cubrir todo o litoral de Galicia para definir as liñas das políticas culturais, unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo. A investigación estará dirixida polo profesor Óscar Fuertes Dopico, que contará co asesoramento da consellería cando sexa preciso. O obxectivo é realizar un diagnóstico da cultura do mar colaborando coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes do sector. 

 

Haberá 6 fases: as tres primeiras son de investigación e de elaboración dun documento marco preliminar, e a continuación farase un seguemento e análise das accións, confeccionando as propostas para o futuro. O tempo irá desde outubro deste ano ata o 31 de decembro de 2023, deixando aberta a posibilidade de ampliar o convenio se ambas partes o deciden. Tras este período, Galicia contará cunha guía detallada para a preservación do patrimonio galego vinculado ao mar, como construcións, obxectos e creacións inmateriais, con coñecemento do seu estado de conservación e o seu valor cultural.