Actualidade

Dereito contra cultura? Unha relación conflitiva a debate

19/05/2021

 

A través de tres mesas transversais e tres sectoriais, o Consello da Cultura Galega, a Cátedra de Dereito Local da UDC e a Deputación da Coruña organizan estas xornadas o vindeiro 9 de xuño de 2021 en Santiago de Compostela coa intención de impulsar unha liña de traballo que entenden vai ser de especial importancia nos vindeiros anos. Retransmitirase en directo a través das redes do Consello da Cultura Galega. As prazas presenciais están cubertas.


Dereito contra cultura? Cultura a pesar/con/grazas a/da man do dereito? Non hai profesional da cultura -do ámbito público, asociativo ou privado-que non experimente no seu quefacer cotiá as dificultades da complexa relación que se dá entre o seu ámbito e o marco legal e administrativo que sobre el opera. 


Se centrarmos o foco máis especificamente na acción cultural pública, vemos que a contratación administrativa e as subvencións son, ao tempo, as principais ferramentas e tamén os principais campos de conflito. Para un ámbito e para o outro, a inadecuación do actual marco lexislativo ás lóxicas do campo cultural semella evidente e é orixe da maior parte de problemas que vivimos no día a día xestores e xestoras culturais, profesionais dos diferentes sectores, entidades e persoal das secretarías e intervencións das administracións públicas.


Que o título destas xornadas, a mantenta provocador, non chame a engano. Estas son unhas xornadas coas que se busca incentivar unha mirada diferente: fuxindo do memorial de agravios e da extensión da queixa, queremos un cambio de enfoque. Partir do que hai para nos corresponsabilizar, desde os dous ámbitos, e avanzar en dous aspectos: o primeiro, en buscar solucións operativas que simplifiquen os procedementos administrativos e en poñer en común lecturas e interpretacións que axuden a desatar os nós máis conflitivos; o segundo, reflexionar conxuntamente para comezar a definir as mudanzas lexislativas que se revelen precisas para facilitar o desenvolvemento do campo cultural en Galicia a partir da comprensión da súa especificidade, complexidade, diversidade e natureza pluridimensional. 

 

PROGRAMA