Actualidade

A Universidade da Coruña e Vales, Abogados y Asesores Tributarios establecen liñas de colaboración por importe de 97.284 euros

10/03/2021

 

A empresa Vales, Abogados y Asesores Tributarios, S.L. asinou coa Universidade da Coruña (UDC) dous convenios para a realización de diversas asistencias técnicas e de asesoramento tanto xurídico como en asuntos relativos á resolución de litixios privados.

 


O primeiro dos contratos inclúe ao catedrático de Dereito civil José Manuel Lago Busto como encargado do “asesoramento xurídico, asistencias técnicas e estudos en materias propias de contratación e de dereito inmobiliario e rexistral”, un proxecto cuxo importe ascende a 60.984 euros a executar en 24 meses.

 


O profesor titular de Dereito civil Fernando Peña López é o responsable do segundo dos convenios: “Asesoramento e asistencias técnicas en asuntos relativos á resolución de litixios privados”, incluíndo contratación nacional e internacional, dereito da construcción, dereito inmobiliario, protección do cliente de produtos financeiros e arbitraxe.

 


Cun financiamento anual de 36.300 euros -o contrato ten, a priori, unha duración de 12 meses-, as tarefas lideradas por Peña inclúen o seguimento das modificación normativas e da xurisprudencia nas materias obxecto do contrato; a elaboración de informes, notas e minutas, incluíndo o apoio técnico na redacción de demandas, contestacións a demandas, recursos e oposición aos mesmos interpostos por outras partes procesais; a aportación de “opinións académicas” sobre temas técnicos; e a representación de Vales, Abogados y Asesores Tributarios, S.L., en reunións, entrevistas e asembleas “en defensa dos intereses encomendados xurisdicional ou extraxudicialmente”.