Novas I+D+i

Arranca a primeira edición do Programa de Axentes de Innovación

01/06/2016

 

A Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) está a impulsar un programa de axentes de innovación que o pasado 29 de setembro propiciou a celebración dun encontro de traballo no viveiro municipal de empresas Accede Papagaio.


O programa pretende axuntar os tres piares no desenvolvemento da I+D+i, como son o tecido empresarial, a Universidade e a propia Administración pública. Deste xeito, a Universidade transfire coñecemento a través dos seus egresados; a Administración impulsa un programa complementario de formación – acción orientado ao desempeño profesional a través de seu Centro de Emprego; e as empresas acollen axentes de innovación con dobre obxectivo: completar a súa adaptación ao mercado laboral e afondar no seu propio proceso de innovación.


O interese amosado por parte das empresas e dos graduados e graduadas foi, segundo a FUAC, superior ás expectativas do convenio. Neste sentido, máis de 50 empresas e de 250 egresados manifestaron en dúas semanas o seu interese en participar nun programa que contemplaba a posta en marcha de dez actuacións.


A metodoloxía do programa combina a formación en innovación empresarial dos recentemente titulados a través da realización de diagnósticos e da posta en marcha de plans de innovación en empresas con prácticas formativas nas entidades participantes.


Na fase preparatoria, a FUAC contou coa colaboración de Health in Code, R Cable e ATI Sistemas, empresas das que os axentes de innovación recibiron de primeira man tres casos sobre enfoque estratéxico de procesos innovadores en cadanseus sectores produtivos.


Ademais, os axentes de innovación recibiron unha formación específica, unha guía para a súa posta en práctica e un asesoramento para o desenvolvemento dos plans de innovación nas empresas participantes que hai que sumar ao soporte experto e continuado co que contarán ao longo de todo o programa a través de C&S Consulting Services.


O Concello, que subvenciona o programa, e a FUAC subliñaron durante a xornada que este tipo de actividades fomentan a innovación empresarial, a competitividade e a inserción laboral da mocidade. “Innovación é un concepto moi amplo que incide directamente na conta de resultados e que debe estar presente en todos os procesos das empresas”, apuntou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que posteriormente acompañou aos participantes na súa visita polos diferentes espazos do novo viveiro.