Novas I+D+i

O Concello recoñece o labor das dez empresas seleccionadas pola FUAC

22/02/2017

 

O Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio acolleu esta mañá o acto de clausura da primeira edición do Programa de Axentes de Innovación, impulsado en 2016 pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e a Concellaría de Emprego e Economía Social do Concello da Coruña. Á xornada acudiron, ademais dos promotores da iniciativa, as dez empresas que acolleron as prácticas profesionais de cadanseus participantes no programa formativo en materia de innovación.

 

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou a necesidade de apostar pola competitividade para “facer da Coruña unha cidade máis rica e próspera” e fixo balance do programa. Así, de entre as sete de cada dez persoas beneficiarias do programa que permanecen vinculadas ás entidades colaboradoras, un 72% vén de comezar prácticas remuneradas e un 28% ten asinado un contrato laboral. 

 

O 80% das empresas de acollida centra a súa actividade innovadora nos produtos e/ou servizos que ofrece e unha pequena parte -o 20% restante- á innovación organizacional e á enfocada ao marketing. Ademais, por sectores, a primeira edición do Programa de Axentes de Innovación, contou cun 50% de entidades que operan no eido tecnolóxico, un 20% no sector servizos e un 30% repartido entre aquelas procedentes do ámbito comercial, sanitario e da construción.

 

O interese amosado por parte das empresas e dos graduados e graduadas foi superior ás expectativas do convenio. Neste sentido, un total de 43 empresas e de 258 egresados manifestaron en dúas semanas o seu interese en participar nun programa que contemplaba a posta en marcha de dez actuacións. As propias empresas coincidiron durante o acto no “imprescindible” da innovación para aumentar a súa competitividade no mercado. “Un innovador é quen de modificar o territorio; innovar é convencer ás persoas de que poden facer todo o que se propoñan”, concluíu Ariana Fernández, de La Piel 10, unha das empresas participantes no programa.

 

Empresas participantes


As dez entidades que colaboraron coa FUAC e o Concello da Coruña no Programa de Axentes de Innovación 2016 foron: Canle de Comunicación, S.L.; Copcisa, S.A.; La Piel 10, S.L.; Inusual Comunicación Innovadora, S.L.; Lara Castelo Otero (Pilgrim); Norquality Consultores; Qubiotech Health Inteligente, S.L.; Rabin Air, S.L.; Oposita Test, S.L. e Terravanza, Gabinete de Estudios Avanzados, S.L.