Novas I+D+i

Solucións tecnolóxicas avanzadas para a empresa

27/03/2017

 

A transferencia de coñecemento e a innovación no entorno industrial son a esencia do Grupo Integrado de Ingeniería (GII), un grupo interdisciplinar de investigación aplicada en enxeñaría que, desde a súa creación en 1999, emprázase no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña.

 

Os eixos estratéxicos do GII céntranse na xeración de coñecemento científico e na transferencia de tecnoloxía á industria. A enxeñaría naval, a dinámica de fluídos, a intelixencia computacional, a robótica, os sistemas de medida e sensorización e a organización industrial integran as principais liñas de investigación do grupo, o cal conta con máis de 200 proxectos desenvolvidos e colaboracións estables con organismos de relevancia tanto nacional coma internacional.

 

As diferentes liñas de investigación do GII dan forma á estrutura do mesmo. Así, cabe destacar as áreas de Enxeñaría naval, organización industrial e loxística, electrónica e automatización, dinámica de fluídos e, por último, computación e intelixencia artificial.

 

Sectores de actividade

A investigación e o desenvolvemento no eido industrial oriéntanse á satisfacción das necesidades do tecido empresarial, aportando solucións de alto valor ás diferentes demandas tecnolóxicas do sector. Neste sentido, o seu probado nivel de coñecemento e experiencia sitúan ao Grupo Integrado de Ingeniería da UDC coma un referente tecnolóxico en ámbitos industriais coma o naval e offshore, o industrial, o enerxético, a loxística ou os servizos avanzados en materia de transferencia de coñecemento.