Novas I+D+i

A estabilidade do sistema financeiro europeo como apoio á economía da Eurozona

27/09/2017

 

A Cátedra Luis Fernández Somoza celebra o vindeiro venres 6 de outubro ás 12.30 horas a conferencia "A estabilidade do sistema financeiro europeo como apoio á economía da Eurozona", a cargo de Antonio Carrascosa, xefe de Planificación e Decisión do Single Resolution Board, mecanismo de resolución bancaria da Unión Europea. 

 

A conferencia terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa e serve, ademais, como lección inaugural dos mestrados universitarios 2017/2018 da dita facultade. A asistencia é libre para os estudantes da Universidade da Coruña.

 

Sobre o relator 
Dentro do seu obxectivo de achegar aos estudantes da UDC a experiencia de personalidades académicas de prestixio no eido internacional, a Cátedra Luis Fernández Somoza conta nesta ocasión coa presenza de Antonio Carrascosa, membro do Single Resolution Board (SRB) desde a súa creación en 2015. O organismo é un dos alicerces da unión bancaria da UE e é o encargado de poñer en marcha nos estados membros a Directiva de recuperación e resolución bancaria, marco legal para a recuperación e resolución de entidades de crédito e empresas de servizos próximas á situación de inviabilidade. 

 

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, e con mestrado en Administración Pública pola Universidade de Harvard, Antonio Carrascosa foi entre 2012 e 2015 director xeral do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria). Durante a súa traxectoria profesional ten sido director de Cumprimento Regulador en PricewaterhouseCoopers, director xeral de Política Económica, subdirector xeral do Tesouro, conselleiro xefe da Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Xapón, subdirector xeral para Asuntos do Sistema Financeiro Internacional e director xeral de Entidades da Comisión Nacional do Mercado de Valores. 

 

Coa dilatada experiencia do relator, a conferencia serviralles aos estudantes para coñecer de primeira man o funcionamento do sistema financeiro europeo e como este desenvolve mecanismos para favorecer a estabilidade e a economía dos países da Unión Europea.