Novas I+D+i

Profesores de seis universidades estranxeiras imparten docencia na Facultade de Economía e Empresa

14/12/2018

 

ESHT Porto, University College Dublin, University of Graz, Pforzheim Hochschule, University of Gavle e IESA Caracas son os centros de ensino dos que proveñen os seis docentes estranxeiros seleccionados para impartir docencia na Facultade de Economía e Empresa da UDC en diferentes sesións académicas durante 2018. Os temas sobre os que van impartir clases son variados e van desde o emprendedurismo empresarial e as políticas de integración na Unión Europea até as opcións reais e a xestión.
 
Co obxecto de potenciar as relacións docentes internacionais, a Cátedra Luis Fernández Somoza para a Internacionalización dos Estudos de Economía e Empresa ofrece axudas económicas para financiar estadías de profesores de universidades estranxeiras que desenvolvan un máximo de catro días de docencia na FEE do campus coruñés. Con esta iniciativa, este centro reforza a súa capacidade para atraer profesorado estranxeiro de primeiro nivel e, en consecuencia, permite ao PDI e estudantado manter relacións académicas con docentes e investigadores de prestixiosas institucións universitarias no ámbito da Economía e da xestión empresarial.  
 
Os requisitos que deben cumprir os docentes, tal e como recollen as diferentes convocatorias xestionadas de xeito delegado pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC), implican ser profesor dalgunha universidade estranxeira e ter un programa académico asinado polo docente que imparte as sesións da materia en inglés con contidos afíns aos da Facultade de Economía e Empresa. No caso dos investigadores, estes deben ser invitados por algún grupo de investigación da Facultade coruñesa. Ademais, cómpre salientar que a axuda concedida pola Cátedra Luis Fernández Somoza ao PDI estranxeiro é incompatible con outras para o mesmo fin e período de tempo.