Novas

Presentación do proxecto Inspira STEAM 2020-2021

10/11/2020

 

O vindeiro mércores 11 de novembro ás 17:00 h terá lugar, a través da plataforma virtual Campus Remoto da universidade, a presentación do proxecto Inspira STEAM 2020-2021 organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

 

Inspira STEAM é un proxecto pioneiro que busca fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas, baseado en accións de sensibilización e orientación a través de 6 sesións, con carácter de obradoiros, impartidas por mulleres profesionais do mundo da investigación, da ciencia e da tecnoloxía a nenas e nenos de 6º de primaria.

O Proxecto nace na Universidade de Deusto no ano 2016 e a Universidade de Vigo incorpórase no ano 2018, cando se lanzou a súa I edición na provincia de Pontevedra. Dado o alto nivel de interese e participación que está a xerar, lanzamos este ano 20-21 a III edición de Inspira STEAM Pontevedra e a I edición de Inspira STEAM Ourense.

Na xornada de presentación darémosvos a coñecer en detalle o proxecto, a súa evolución, as súas fases e como participar xa sexa como mentora, mentor ou como centro educativo, así como a maneira de inscribirse na sesión formativa para mentoras/es prevista para o 18 de novembro.

A crise sanitaria que estamos a vivir pon de manifesto a relevancia da ciencia e a tecnoloxía nas nosas vidas e ofrécenos unha grande oportunidade para dar a coñecer as STEAM entre a mocidade, en especial entre as rapazas, e amosar como nos axudan a facer fronte aos grandes e pequenos retos da sociedade. Por iso e con fin de captar o maior número de mentores e mentoras así como centros educativos que queiran participar nesta edición.


O acceso á sala virtual farase mediante contrasinal, conforme aos seguintes pasos:
• Acceder ao campus remoto en Reitoría https://campusremotouvigo.gal/faculty/999
• Escoller: Sala 12: Vice. Alumnado
• Poñer nome e o contrasinal de alumno/a: G2Aytj

+ info: https://www.uvigo.gal/ven-uvigo/centros-secundaria/steam/inspira-steam