Novas

O 25 de abril outorgarase o Noveno Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC

22/04/2024

 

A Cátedra ALDABA-WIB colabora un ano máis na Feira de Prácticas e de Emprego (FePEfic 2024), que organiza a Facultade de Informática da UDC durante os días 23, 24 e 25 de abril e na que colaboran unha vintena de empresas do sector TIC.


A feira de Prácticas e de Emprego é un evento destinado ao alumnado que o próximo curso académico realizarán prácticas curriculares. Na V edición, a Cátedra Aldaba-WIB contará durante a mañá do próximo xoves, 25 de abril, cun posto informativo, no que orientar ao alumnado.


Ademais, no transcurso da feira presentaranse os tres traballos finalistas ao Noveno Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC, seleccionados polas empresas que apoian as cátedras, e o 25 de abril ás 13:00h anunciarase o gañador ou gañadora desta edición.


Os tres traballos finalistas son: ‘‘Detección automática de la enfermedad de Alzheimer a partir de imágenes OCT retinianas en ratones transgénicos PS19 tau’, de Pedro Redondo; ‘Amosando o Lado Escuro das redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter e Mastodon’, de Lucía María Álvarez; e, ‘Paralelización dun algoritmo de aprendizaxe automática multi-vista baseado en grafos’, de Jesús Mosteiro.


As cátedras NTT Data, ALDABA-WIB e CICAS (Sngular-CoruNet), patrocinan este galardón anual que conta coa colaboración do Centro de Investigación en TIC (CITIC) e da Fundación Universidade da Coruña. Está dotado con 1.500 euros para o gañador e dous accésits de 500 euros para os outros dous finalistas, que este ano foron elixidos entre os quince presentados, todos eles TFG con Matrícula de Honra no curso 2022/23.