Novas

Transferencia de coñecemento interdisciplinario desde o MCrim

30/07/2021

 

Parte do equipo de investigación en Criminoloxía, psicoloxía xurídica e xustiza penal no século XXI da Universidade da Coruña ECRIM integra o claustro docente do Máster propio da UDC en Criminoloxía, que dará comezo o próximo 3 de setembro. Entre os profesionais que darán clase ao alumnado e ante o carácter multidisciplinar do programa académico, destaca a participación da catedrática de Dereito penal María Faraldo, o catedrático de Psicoloxía social e xurídica Miguel Clemente e o profesor titular de Dereito penal e Criminoloxía José Ángel Brandariz, que ocupa, ademais, a Dirección deste curso propio de posgrao.

 


O MCrim susténtase no elevado nivel de coñecementos en materia criminolóxica acumulados por parte de diversos equipos de investigación da UDC, que gozan dun significado recoñecemento internacional e permiten proporcionar a este curso de especialización un perfil eminentemente interdisciplinario. Así, catedráticos como Faraldo, actual presidenta da área de Dereito na Axencia Estatal de Investigación e membro permanente da Comisión de Codificación cunha decena de libros e máis de 150 artigos publicados, ou Clemente, con case corenta anos de experiencia docente, unha trintena de libros publicados e membro da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA), son un exemplo do grao de coñecemento que este mestrado poderá transferir ao alumnado.

 


Brandariz, pola súa banda, en 25 anos de carreira académica impartiu conferencias e cursos en materia de dereito penal, política criminal, criminoloxía e penoloxía nunha vintena de países europeos e americanos. Nos últimos anos, o director do MCrim centrou o seu labor investigador en cuestións como a relación entre inmigración e penalidade, economía política da pena e penalidade xerencial.