Novas

A Cátedra HR-UDC participa na entrega dos III Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da Universidade da Coruña, que patrocina na súa categoría de Sustentabilidade

23/11/2023

 

A sala de prensa da Reitoría da Universidade da Coruña (A Maestranza) acolleu o 16 de novembro o acto de entrega dos III Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da Universidade da Coruña, convocados pola Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, co obxectivo de recoñecer e impulsar a calidade das iniciativas de innovación docente que empreguen a metodoloxía de aprendizaxe e servizo dento do marco curricular da UDC.


Ao acto asistiron a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Veiga; o director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC, Ángel Fernández Castro; o director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), José Antonio García Naya; e o director da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), Jesús Cendán Verdes.


Os premios conlevan unha dotación económica total de 3.000 euros, a repartir entre un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 400 euros para cada unha das tres categorías: Sustentabilidade, Atención á Diversidade e Redución das Desigualdades.


Recibiron o premio,  na liña temática de Sustentabilidade, as docentes María José Servia, gañadora do primeiro premio co proxecto “Etoloxía e Sociedade”, e Patricia Carballal Miñán, segunda clasificada co traballo “Ecoliteratura circular: da universidade á escola”.


Aprendizaxe-servizo
A aprendizaxe-servizo (ApS) é unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto, co que os participantes aprenden a traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala. O obxectivo é integrar o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos e a adquisición de competencias a partires da práctica reflexiva, de xeito que se una o compromiso social coa adquisición de coñecementos, habilidades, actitudes e valores. É dicir, é un método que permite aprender a ser competentes sendo útiles aos demais.


Para que unha proposta educativa sexa considerada ApS na UDC debe cumprir ademais os seguintes requisitos: estar integrada no currículum académico dunha ou varias materias (Traballo de Fin de Grao ou de Máster, Prácticum ou outras) e ser empregada como estratexia educativa para acadar competencias ou obxectivos de aprendizaxe do marco curricular no que se integra.


Os III Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo están financiados pola Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, a Vicerreitoría de Planificación e Innovación Docente e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC.