Novas

Aberto o prazo para participar na IV edición do premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo de Fin de Máster

11/09/2025

 
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa acaba de lanzar a cuarta edición do Premio ao Mellor Traballo Fin de Máster (TFM), unha convocatoria que recoñece aqueles traballos académicos aliñados con criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) e co propósito corporativo como eixo transformador nas organizacións.

A convocatoria está dirixida a todas aquelas persoas que finalizasen un máster oficial en calquera das tres universidades galegas (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), que defenderan o seu TFM durante os anos 2024 ou 2025 cunha cualificación de sobresaínte. Outorgaranse dous galardóns: un primeiro premio dotado con 1.500 euros para o traballo gañador e un segundo premio de 500 euros.

As candidaturas poderán presentarse ata o 31 de decembro deste ano a través do formulario electrónico habilitado pola Cátedra, accesible mediante esta [ligazón], requiríndose como documentación obrigatoria un resumo do TFM dun máximo de cinco caras, currículo vitae e xustificante de matrícula e defensa do traballo académico nunha das tres universidades galegas.

Avaliación e fallo do xurado
As candidaturas serán avaliadas entre xaneiro e marzo de 2026. Durante esta fase, seleccionaranse catro finalistas que deberán remitir o traballo completo para a súa valoración final.

O xurado estará composto por representantes da Comisión de Seguimento da Cátedra, a súa directora Carmen Costa, así como por tres expertos procedentes das outras universidades galegas e do ámbito da consultaría. O fallo darase a coñecer a finais do segundo cuadrimestre do curso 2025/2026.

Á anterior edición do Premio presentáronse un total de 24 TFM, todos eles aliñados co obxectivo desta cátedra universitaria que busca contribuír ao benestar social a través da educación, a investigación e a divulgación do coñecemento. 
 

 
Premios Temática Galega
A este galardón súmase, desde o curso pasado, un novo recoñecemento da Cátedra aos Traballos de Fin de Grao (TFG) de Temática Galega nas carreiras de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos. Neste caso, xa pode inscribirse todo o alumnado de ámbalas carreiras da Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC que presentase o seu proxecto nalgunha das convocatorias do curso académico 2024-25. As candidaturas poden presentarse ata o 5 de outubro deste ano a través deste [ligazón], incluíndo na inscrición todo o contido do traballo.

Esta convocatoria conta con dous premios de 250 euros para o mellor TFG seleccionado en cada grao. Esta iniciativa da Cátedra busca contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega. 

Sobre a Cátedra 
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021 co obxectivo de traballar a favor dunha comunicación nas organizacións comprometida e con conciencia, que axude á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna. Desde o pasado mes de xuño, Grupo Eroski sumouse a este proxecto para darlle continuidade a unha iniciativa que se aliña cos valores que promove. As accións da Cátedra están centradas en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social.

Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 289 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.

Sobre Fundación Eroski
A Fundación Eroski, proxecto social do Grupo Eroski, traballa, desde 1997, para mellorar a calidade de vida dos consumidores a través do fomento de hábitos de vida saudable e sostible, para impulsar esta mellora a través de actividades informativas, formativas e participativas, desenvolver proxectos solidarios e transformando en consecuencia a sociedade da que formamos parte.