Novas

Conferencia inaugural do curso 2020-2021 da Facultade de Economía e Empresa

22/10/2020

A conferencia inaugural foi presidida polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e contou coa presenza do decano da Facultade, Manuel Gómez Suárez, o director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, o profesor da UDC Ángel Fernández Castro, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

 

Ignacio Rivera animou ao alumnado a innovar nas empresas en que traballen ao graduarse. Rivera, nunha charla moi amena, explicou que para posicionarse no mercado de traballo a elección é “ser máis barato ou marcar a diferencia, así que animo ao estudantado a que no seu futuro profesional marquen a diferencia”, concluiu.

 

O Conselleiro Delegado de Corporación Hijos de Rivera explicou na súa conferencia algunhas das claves do éxito da súa empresa, destacando a prioridade da busca de calidade por enriba de calquera outro tipo de consideración. Rivera animou ao alumnado a innovar no seu futuro traballo sen medo a equivocarse porque “dos erros se aprende sempre” e puxo como exemplo o proceso que seguiron ao fabricar a cervexa con sabor a percebes. “A primeira que tomei a escupín”, recoñeceu, insistindo que “cun propósito diferenciador chegan os resultados”.

 

 

O reitor agradeceu a Ignacio Rivera a súa intervención, tanto polo interese do contido da mesma como pola ilusión coa que vive e transmite o seu traballo. Abalde, profesor de Microbioloxía, lembrou como nas súas clases poñía como exemplo de innovación a fabricación de cervexa de Estrella Galicia.

 

Pola súa banda, o decano deu a benvida ao novo curso subliñando a aposta desta facultade pola presencialidade e as numerosas medidas tomadas no centro para ter un curso seguro e proveitoso.

 

O director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable remarcou a aprendizaxe desta conferencia pois “como profesor de Finanzas paréceme moi formativo que o alumnado vexa que como moitas decisións que poden parecer antieconómicas, cando contribúen a un propósito fan que a empresa teña éxito”, en referencia ao explicado por Ignacio Rivera que animou continuamente ao alumnado a buscar unha empresa que teña un propósito aliñado cos seus principios.