O proxecto 'Cátedra AECC-UDC Exercicio Contra o Cancro', coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña (UDC) Manuel Giráldez, conseguiu a 'Axuda a Cátedras da Asociación Española contra o Cancro (AECC) 2024', unha das dez que outorga (de máis de 70 candidaturas).
No acto de presentación, celebrado na sede coruñesa de Afundación, participaron, ademais, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente e o vicepresidente da AECC na provincia da Coruña, Manuel Aguilar e Carlos Lamora, respectivamente; e a presidenta do comité técnico da asociación na provincia e xefa do Servizo de Oncoloxía do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), Rosario García Campelo.
O proxecto, que busca crear unha Rede de Exercicio Contra o Cancro para mellorar a atención a pacientes oncolóxicos en diferentes provincias españolas, ten como obxectivo fomentar a actividade física en pacientes con cancro e os seus familiares, contribuíndo a mellorar o seu benestar e calidade de vida.