Novas

A Cátedra de Dereito Local acolle unha xornada sobre a realidade de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito

13/09/2024

 

A Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña acolleu este venres 13 de setembro no Salón de Actos da Facultade de Dereito a xornada “O recoñecemento extraxudicial de créditos no ámbito local: problemas e propostas de solución”.


Esta xornada, organizada en colaboración co Consello de Contas de Galicia, ofreceu un foro de discusión especializada sobre as distintas experiencias de aplicación da figura do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) como mecanismo de convalidación das irregularidades presentes nos contratos públicos das entidades locais. Como consecuencia das discrepancias entre os órganos de control da Administración local (desde o Consello Consultivo, o Consello de Contas, até o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), a aplicación desta técnica ten virado polémica, e ten dado lugar xa a situacións de colapso nos pagos aos contratistas dalgúns concellos, co consecuente prexuízo para a prestación de servizos públicos obrigatorios aos cidadáns. Neste seminario buscouse consensuar as interpretacións máis acaídas para garantir a legalidade da actuación administrativa e depurar as irregularidades contractuais, mais sen menoscabo da continuidade nas prestacións obrigatorias dos concellos.


A presentación e inauguración do acto correron por conta de Carlos A. Amoedo, director da Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña, e Simon Rego Vilar, conselleiro do Consello de Contas de Galicia.
Na inauguración, o Director destacou o papel de “mediación” desempeñado pola Cátedra nun tema polémico, que posúe unha alta complexidade técnica e, ao propio tempo, múltiples consecuencias prácticas para a vida cotiá dos cidadáns, agradecendo a colaboración de todas as institucións á hora de expoñer os seus puntos de vista e as perspectivas de evolución que contemplan.


Outras intervencións viñeron dadas por Simón Rego Vilar, conselleiro de Contas responsable da área de fiscalización das entidades locais, coa súa presentación “A realidade dos REC na administración local de Galicia”; Rafael Pou Bell, auditor do Tribunal de Cuentas de España, con “A realidade dos REC na fiscalización do Tribunal de Cuentas”; Luís Villares Naveira, maxistrado do TSXG (sección 3ª), falou sobre “Os REC na xurisprudencia contenciosa”; e Alberte Souto Souto, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia, pechou o bloque con “Os REC e a revisión de oficio de actos e contratos nos que se aprecien vicios encadrábeis nas causas de nulidade de pleno dereito. A doutrina do CCG”.


Para finalizar o acto cunha perspectiva dos problemas prácticos dos xestores municipais, tivo lugar un coloquio no que María Pan, alcaldesa de Cambre, Juan Bautista Suárez, interventor da Deputación da Coruña, e Cristina Varela García, secretaria municipal de Xermade, abordaron a cuestión do Recoñecemento Extraxudicial de Créditos desde as perspectivas do responsable político, e dos funcionarios con habilitación nacional (secretarios e interventores municipais