Novas

A aposta por unha industria verde europea na que a innovación será clave, abrirá importantes oportunidades de emprego nos países da UE

10/04/2024

 

A Cátedra Greenalia-UDC Para a Transición Enerxética acolleu hoxe a conferencia de María Teresa Costa-Campi, catedrática emérita de Economía e directora da Cátedra de Sustentabilidade Enerxética e Ambiental da Universidade de Barcelona. O acto, celebrado na Facultade de Económicas da UDC, ao que asistiron máis de 300 persoas (alumnado e profesorado) foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e contou coa presenza do director da Cátedra, Fernando de Llano e a CSO de Greenalia, Beatriz Mato. 

 

Na súa intervención, Costa-Campi, abordou os Retos e Oportunidades da Transición Enerxética desde unha perspectiva económica. Así, a que fose presidencia da CNE desde 2005 a 2011 explicou que a mitigación dos efectos do cambio climático require un novo enfoque do funcionamento do noso sistema económico.

 

Isto, indicou a relatora, conlevará “una transformación tan profunda y disruptiva” que, xerará sen dúbida, “sectores ganadores” vinculados á innovación e á seguridade tecnolóxica, pero tamén haberá “sectores perdedores” relacionados con tecnoloxías moi maduras e contaminantes.

 

A catedrática de Economía da UB subliñou que ese novo modelo de desenvolvemento sostible introduce profundos cambios na configuración do sistema produtivo. Faio tanto nos mercados, como nas pautas de consumo, na mobilidade e no ordenamento das cidades.

 

 

Para afrontar estes cambios, indicou, haberá que implantar novos instrumentos. Desde o mercado de dereitos de emisión, incentivos ás enerxías renovables, control e penalización do non aforro enerxético, bonos verdes para obter facilidades financeiras asociadas a investimentos limpos, a electrificación da economía, ata o fomento de combustibles sintéticos para a aviación e o transporte marítimo, entre outras moitas medidas. 

 

Todo iso estará dirixido a alcanzar un novo modelo afianzado polo Plan Industrial do Pacto Verde que selecciona e apoia a sectores moi concretos. Propón medidas de forte carga regulatoria e desprega un importante programa de axudas con diferentes solucións financeiras e cooperación público-privada. E este punto é especialmente importante para que esa transición sexa xusta, xa que haberá de investir en formación e innovación para que ninguén quede atrás nesta transformación tan importante.