Novas

A directora da Cátedra de Sustentabilidade Enerxética da Universidade de Barcelona, María Teresa Costa-Campi, impartirá unha conferencia sobre retos e oportunidades da transición enerxética na Universidade da Coruña

03/04/2024

 

A directora da Cátedra de Sustentabilidade Enerxética da Universidade de Barcelona, María Teresa Costa-Campi, participa nunha xornada organizada pola Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética. A través da súa conferencia, baixo o título “Retos e Oportunidades da Transición Enerxética: Fundamentos económicos, sustentabilidade e selección de investimentos”, explicará a situación actual do ámbito enerxético desde unha perspectiva económica e de sustentabilidade.

 

Á xornada, que terá lugar o vindeiro martes 9 de abril a partir das 13 horas na Aula Magna da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC), poden asistir tanto o alumnado como o público en xeral. Tan só deberán inscribirse no formulario da páxina web.


O obxectivo desta conferencia é ofrecer unha visión completa e rigorosa sobre os retos e oportunidades que están a definir a actual transición enerxética. Camiñamos cara unha economía descarbonizada e electrificada, o que obrigará a cambios de paradigmas e de tecnoloxías. O acerto nos investimentos enerxéticos por parte dos territorios será chave para ter éxito neste proceso de transición. Acerto que ten que ver non só coa dimensión económica e de rendibilidade, senón tamén coa sustentabilidade e a seguridade enerxética do propio territorio. A Catedrática de Economía Aplicada e Directora da Cátedra de Sustentabilidade Enerxética da Universidade de Barcelona, María Teresa Costa-Campi, experta de recoñecido prestixio no ámbito da economía da enerxía, trasladará a súa análise e reflexións sobre estas cuestións que marcarán os vindeiros anos da transición enerxética.

 


 

Toda a información da xornada e inscrición pódese consultar aquí: https://www.fundacion.udc.es/CatedraGreenaliaTransicionEnergetica/ 

 

Sobre a Cátedra

A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia.