Novas

A Cátedra de Dereito Local participa no V Congreso do Observatorio de Contratación Pública

17/10/2023

 

A Cátedra de Dereito Local colabora no V Congreso do Observatorio de Contratación Pública, que terá lugar do 18 ao 20 de outubro na Reitoría da Universidade da Coruña. 

 

O evento está organizado polo Observatorio de Contratación Púbilica en colaboración co grupo de investigación Dereito Público Global e a Universidade da Coruña, e conta co apoio do Consello de Contas de Galicia, a Universidade de Zaragoza, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Cátedra de Dereito Local, entre outros. O V Congreso do Observatorio de Contratación Pública suporá unha das citas máis importantes no ámbito da xestión pública e empresarial e converterase en punto de encontro nacional dos principais especialistas que traballan en contratación do sector público, tanto académicos como profesionais do ámbito da xestión pública e privada.

 

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidirá mañá mércores, día 18 de outubro, ás 9:00 horas, o acto de inauguración da quinta edición do Congreso do Observatorio de Contratación Pública no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza). Ademais de Abalde, asistirán ao acto de inauguración a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; o conselleiro maior de contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director do Grupo de Investigación en Dereito Público Global, catedrático de Dereito Administrativo da UDC e codirector do congreso, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz; o codirector do Observatorio de Contratación Pública, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Castilla-La Mancha e codirector do congreso, José Antonio Moreno Molina; e o profesor titular de Dereito Administrativo da UDC e codirector do congreso, Juan José Pernas García.

 

A conferencia inaugural, que dará inicio ás 9:30 horas, será a cargo de Antón Costas Comesaña, presidente do Consello Económico e Social de España.

 

Ao longo dos tres días que dura o evento haberá dez mesas de traballo nas que se tratarán, entre outros temas, a prevención da corrupción e a rendición de contas, a xestión contractual dos servizos públicos locais, a eficiencia e a busca da sustentabilidade e circularidade a través dos contratos públicos, os retos e boas prácticas na execución contractual, a transformación dixital na contratación pública, as estratexias de colaboración público-privadas e pública-públicas, a compra pública e a competencia, a estratexia compartida na adquisición de medicamentos ou os contratos públicos para un sistema de saúde moderno.

 

O venres día 20, antes do peche do congreso, José María Gimeno Feliu, codirector do Observatorio de Contratación pública e catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza, reflexionará sobre os case seis anos da creación da Lei de Contratos do Sector Público.

 

 

 

 

Máis información na páxina web do congreso: https://obcp2023.com.