Novas

Un traballo sobre a monitorización da calidade ambiental, premio ao mellor TFG da Facultade de Informática

20/04/2023

 

A Cátedra NTT Data participou na Feira de Prácticas e de Emprego que organiza a Facultade de Informática da UDC, un evento destinado ao alumnado que o próximo curso académico realizarán prácticas curriculares en empresas como vía para iniciar o seu camiño profesional nun mercado altamente dinámico e demandante de perfís cualificados.


Unha das actividades da Feira foi a presentación dos tres traballos finalistas ao Oitavo Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC. Nesta sesión fíxose público o nome do gañador, Pablo Mariño Boga, autor do TFG “Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental”. 


Segundo explicou Pablo Mariño na presentación, o dispositivo ten aplicacións no ámbito da eficiencia enerxética nos fogares intelixentes e nas estratexias das smarts cities, posto que permite múltiples aplicacións como o control da temperatura e da humidade dos espazos, así como da iluminación e da calidade do aire, ou incluso a detección de incendios e a exposición ao ruído, entre outras.


As cátedras NTT Data, ALDABA-WIB e CICAS (Sngular-CoruNet), patrocinan este galardón anual que conta coa colaboración do Centro de Investigación en TIC (CITIC) e da Fundación Universidade da Coruña. Está dotado con 1.500 euros para o gañador e dous accésits de 500 euros para os outros dous finalistas, que este ano foro elixidos entre os quince presentados, todos eles TFG con Matrícula de Honra no curso 2021/22. 


Os accésits recaeron nos traballos “Sistema de posicionamento de teléfonos Android a través das propiedades físicas do son”, de Rubén Somoza Domínguez, e “Sistema de validación de títulos académicos baseado en tecnoloxías Blockchain”, de Gabriel Fernández Blanco.

 


Vinte e catro empresas na Feira de Prácticas e de Emprego


Durante os días 19 e 29 de abril, as 24 empresas adheridas ao programa de prácticas da Facultade de Informática contan con postos informativos nos que orientan ao alumnado e o Servizo de Emprego da UDC explica como elaborar un curriculum e preparar unha entrevista de traballo.


Así mesmo, as cátedras vinculadas á Facultade celebran conferencias sobre algunhas das últimas tendencias e liñas de traballo no sector TIC, como a charla ofrecida pola Cátedra NTT Data baixo o título “Como poden favorecer a diversidade os algoritmos da IA”, impartida por Javier Martínez Torres, de NTT Data.