Novas

A Cátedra ALDABA-WIB presenta o seu proxecto BBG-TIC: O Barómetro da fenda de xénero nos estudos TIC

16/12/2022

A Reitoría acolleu esta mañá a presentación do Barómetro da fenda de xénero nos estudos TIC (Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) desenvolvida pola Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) das universidades da Coruña e Vigo, nun acto presidido polos reitores Julio Abalde, UDC, e Manuel Reigosa, UVigo; xunto o socio-director de ALDABA, Enrique Fernández; as codirectoras da Cátedra, Virginia Mato, pola UDC, e Alma Mª Gómez, pola UVigo; a directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez; e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Cristina López.

 

O Barómetro ten como obxectivo ofrecer un coñecemento exhaustivo e actualizado do que está ocorrendo coa presenza das mulleres nas titulacións da área TIC, pois irá actualizándose periodicamente. Segundo puxo de manifesto Virginia Mato, codirectora da Cátedra pola UDC, hai unha caída “dramática” na presenza de mulleres do bacharelato, cun 54% de alumnas para as xeracións nacidas do 2000 ao 2004, ás titulacións do sector TIC na universidade, co 12% nese mesmo tramo de idade. O Barómetro ofrece información distribuída en Accesos, mulleres que inician os seus estudos universitarios; Resultados, comparativa de resultados académicos entre mulleres e homes; Indicadores e evolución, con indicadores significativos e evolución da presenza feminina nas carreiras TIC; e Análise por xeración, coa evolución da porcentaxe de mulleres dunha xeración ao longo da súa traxectoria académica ata o bacharelato e a súa comparación cos graos de enxeñaría TIC. Neste sentido, Alma Gómez apuntou que as alumnas universitarias de titulacións TIC teñen uns resultados académicos “lixeiramente” mellores que os dos seus compañeiros de clase. “Isto desmitifica o que se di de que as mulleres non temos capacidades tecnolóxicas”, declarou a codirectora da Cátedra pola UVigo.

 

A segregación horizontal é un tema “preocupante” nas universidades, recoñeceu a directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e desde as Unidades de Igualdade universitarias trabállase nese sentido con diversas actuacións como o selo Distintivo de Igualdade que promove a universidade viguesa para recoñecer aquelas prácticas que integran e fomentan a perspectiva de xénero. A vicerreitora de Igualdade da UDC, Cristina López, abundou nas iniciativas coruñesas para promover a igualdade de xénero e asegurou que na UDC “apostamos por traballar cos homes pois é moi importante sensibilizar para comprometelos”. Cristina López fixo unha reflexión, ao fío destas datas de Nadal, sobre o tipo de regalos que reciben os nenos e as nenas, animando a “cambiar os relatos”.

 

A Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) está financiada pola empresa galega ALDABA, con 150.000 euros en sete anos motivada por un lado, segundo explicou o socio-director de ALDABA, Enrique Fernández, como unha iniciativa de responsabilidade social para devolver á sociedade parte do que lle aporta á empresa, e, polo outro, “porque necesitamos da riqueza intelectual que aporta a diversidade de xénero para facer o noso traballo”. Fernández animou ás nenas “a que dean o paso á enxeñaría TIC” porque “nos nosos equipos a día de hoxe nos faltan mulleres”, nunha empresa que conta cunha presenza feminina do 25%.

 

O reitor da Universidade da Coruña, que abriu o acto de presentación agradeceu a colaboración da empresa ALDABA esta “sensibilidade ante a falta de mulleres no sector TIC” que se traduce nunha falta de talento. Abalde asegurou que “como universidade temos o obxectivo de fomentar a vocación entre as nenas e as mulleres polas titulacións da área TIC”.

 

O reitor da Universidade de Vigo pechou a presentación gabando o traballo “excelente” da Cátedra, froito da colaboración das dúas universidades e a empresa. “Este barómetro vai fornecer de datos que nos permitan traballar na dirección correcta”, dixo Reigosa, quen afirmou que as universidades da Coruña e Vigo “somos institucións irmás”, defendeu a colaboración interuniversitaria que deu froitos como esta e outras Cátedras en común, e tamén puxo en valor o apoio da universidade viguesa á candidatura da Coruña como sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, AESIA.