Novas

A directora da Cátedra ALDABA WIB pola Universidade da Coruña participa nunha reportaxe sobre a situación da muller nos estudos de Informática

14/12/2022

Na reportaxe participaron dez docentes da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Entre estas dez docentes hai unha premio nacional de informática, unha académica da Real Academia de Ciencias Exactas, investigadoras galardoadas con premios como o Ada Byron, unha vicedecana, referentes na súa área de traballo ou creadoras de empresas pioneiras. Darlles visibilidade é un dos retos para captar máis alumnas.

 

A situación na Facultade de Informática na que estudaron as docentes que participan na reportaxe, non pode estar máis descompensada. Neste curso só o 13% das matriculadas en primeiro de Enxeñería Informática da Universidade da Coruña son mulleres.  Unha realidade similar vívese nos campus de Santiago cun 16% e Ourense, da Universidade de Vigo, cun 12% de novas alumnas. O fenómeno é global e o estereotipo de que é un título tradicionalmente masculinizado agrávase. Neste sentido, Virginia Mato apunta que "Hay menos, pero son los mejores expedientes".


Pescudar o porqué deste desequilibrio que afasta ás mulleres dunha das formacións con máis proxección e mellores saídas laborais é a gran pregunta. As dez mulleres docentes reunidas son mulleres de ciencia que non esquecen a parte social e emocional que leva ás mozas para elixir estudos e profesión. Con esta reportaxe pretenden darse a coñecer para desdebuxar o estereotipo e mostrar que a informática tamén é cousa de mulleres. 

 
Nesta reportaxe participaron Berta Seixo Berdiñas, profesora da UDC; Nieves R.  Brisaboa, catedrática da UDC; Elena Hernández Pereira, profesora da UDC; Adriana Dapena Janeiro, catedrática da UDC E vicedecana; María Martínez Pérez, profesora e investigadora da UDC; Ángeles Saavedra Places, profesora da UDC; Laura Castro Souto, profesora, membro de Hello sister e directora da cátedra Corunet; Verónica Bolón Canedo, profesora da UDC; Virginia Mato Abad, profesora e investigadora da UDC e directora da cátedra ALDABA WIB e Beatriz Pérez Sánchez, profesora da UDC. 

 

 

Le aquí a reportaxe completa.