Novas

A Universidade da Coruña e o Hospital Modelo consolidan a súa colaboración a través da renovación da Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte

26/10/2021

 

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya, e o director de Relacións Institucionais de HM en Galicia, Rafael Silva, asinaron esta mañá na Reitoría a renovación do convenio regulador da Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte, posta en marcha en 2015 e actualmente dirixida polo doutor Rafael Arriaza e o catedrático Javier Cudeiro.

 

 

“O convenio entre HM e a Universidade da Coruña contribúe a proporcionar unha formación específica ao estudantado e facilita a investigación e transferencia de coñecemento científico na materia”, explicou o vicerreitor durante o acto organizado para a sinatura. Naya fixo fincapé na “aposta firme” da UDC pola Cátedra de Traumatoloxía do Deporte subliñando a importancia da mesma tanto para o avance nas relacións universidade-empresa como, máis concretamente, no eido das Ciencias da Saúde.

 

O director de Relacións Institucionais de HM en Galicia destacou, pola súa banda, que esta Cátedra “constata o compromiso de HM Hospitales coa formación, a docencia e a investigación, tres pilares básicos do noso Grupo”. Neste sentido, Silva asegurou que o convenio hoxe renovado supón a implicación da compañía con Galicia “e especificamente con esta Universidade”. 

 

Bolboretas Rosas
Unha das iniciativas que fai posible este convenio entre a Universidade e HM Hospitales é o programa Bolboretas Rosas, dirixido a pacientes en proceso de recuperación de cancro de mama e cuxa orixe se remonta a 1995 en Canadá.

 

Co obxectivo de evitar o risco de linfedema no brazo do lado operado nas pacientes, o doutor Don McKenzie, médico do Deporte e profesor universitario en Vancouver, elaborou un programa de remo en dragon boat cun grupo de voluntarias concluíndo, ao finalizar o estudo, que ningunha das participantes desenvolveu dita patoloxía asociada. Tras coñecer a iniciativa, o doutor Rafael Arriaza decidiu poñelo en práctica na Coruña e incluílo no plan de actividades da Cátedra que dirixe xunto ao catedrático Javier Cudeiro.

 

Premio á mellor tese doutoral 
No marco da Cátedra, está convocada a terceira edición dos Premios Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte, que este ano suma o galardón ao mellor traballo fin de mestrado e ao programado para a mellor tese doutoral, que na edición pasada foi concedido ao investigador Florian Michaud polo seu traballo sobre “Modelos neuromusculoesqueléticos do corpo humano para a análise de marcha de suxeitos sans e lesionados medulares”.

 

Os interesados en presentarte a esta convocatoria, que inclúe dos premios de 5.000 euros e de 1.500 euros á mellor tese doutoral e ao mellor TFM, respectivamente, poden facelo a través da web da Fundación Universidade da Coruña (FUAC) ata o 31 de outubro.

 

Que é a Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte?

A Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte regula a colaboración estable entre a Universidade da Coruña e HM Hospitales co fin de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.

 

Os obxectivos estratéxicos da Cátedra responden á necesidade de desenvolver na Coruña un centro de referencia no eido da traumatoloxía do deporte para o Noroeste peninsular; promover unha formación de calidade ao respecto tanto no ámbito da medicina como no da fisioterapia e a educación física; e estimular a investigación arredor de dita especialidade.

 

Consulta aquí la nota de prensa