Novas

A experiencia Erasmus dos dezasete estudantes da Facultade de Economía e Empresa da UDC bolseiros coa Cátedra Luis Fernández Somoza

01/09/2025

 

Dezasete estudantes bolseiros pola Cátedra Luis Fernández Somoza completaron a súa formación académica no estranxeiro durante o curso académico 2023/2024. O obxectivo destas bolsas é impulsar o intercambio de coñecementos académicos e culturais, ademais do enriquecemento dos itinerarios curriculares mediante os programas de mobilidade Erasmus+ ou Bilaterais SM. 


Os destinos seleccionados por este alumnado foron:  Chipre (2), Eslovaquia (4), Finlandia (1), República Checa (3), Irlanda (1), Noruega (1), Polonia (2), República de Corea (1) y Romanía (2).


Chipre
As estudantes de simultaneidade dos graos en Turismo e en Ciencias Empresariais Laura Expósito e Natalia Lamas escolleron a universidade de Chipre, Panepistimio Kyprou, para continuar a súa formación. Ambas as dúas destacan a calidade educativa e a súa internacionalización.


Eslovaquia
Javier Sieira, alumno de Ciencias Empresariais, Angela Pousada e Emma Veloso, estudantes de simultaneidade do Grao en Dereito e Administración de Empresas (ADE) e  Susan Nicole Varela, do dobre grao en Turismo e en Ciencias Empresariais, realizaron a súa estancia de Erasmus en Bratislava (Eslovaquia). Os catro cursaron os seus estudos na Universidade Comenius e coinciden que tiveron unha boa acollida na cidade e que esta experiencia lles axudou a crecer a nivel académico e persoal. 


Finlandia
Finlandia foi o destino seleccionado por Diana Maksymchuk, alumna do Grao en Ciencias Empresariais. Da súa experiencia académica, destaca a flexibilidade horaria na universidade á hora de realizar presentacións e a amabilidade dos seus compañeiros de clase.


República Checa
Guillermo Babío, María Martínez e María José Rodríguez, estudantes de simultaneidade nos graos en Dereito e ADE, estudaron durante un cuadrimestre na Masaryk University, en Brno, República Checa. Sinalan a calidade da formación, pois a universidade está dotada de infraestruturas dixitais e conta cun profesorado multicultural.


Irlanda
A estudante de ADE Elena López realizou un curso académico na University College Cork, no sur de Irlanda. A calidade educativa superou as súas expectativas, pois resalta o compromiso do profesorado co alumnado para facilitar a comprensión dos materiais. 


Noruega
Nerea García continuou os seus estudos de 5º grao en ADE e Dereito en Noruega. Durante a súa estancia de catro meses destaca o ambiente inclusivo da Norges Teknisk-Naturvitenskapelige Universitet, a súa calidade académica e a gran disposición de recursos que ofrece a Universidade, como bibliotecas ben equipadas ou laboratorios de última xeración. 


Polonia
Cracovia acolleu durante catro meses a Verónica Roget, estudante do dobre grao en Turismo e en Ciencias Empresariais, e a Óscar Fernández, de Dereito e ADE. Coinciden na boa calidade docente da Universidade Económica de Cracovia. Para facilitar a integración podían apuntarse a clases extracurriculares para aprender o polaco, pero co inglés puideron comunicarse e finalizar os seus estudos.


República de Corea
Andrés Gente realizou a súa estancia en Soongsil University para cursar un cuadrimestre durante o seu segundo ano no Grao en Ciencias Empresariais. Na súa estancia agradeceu as facilidades que puxeron aos estudantes internacionais para unha mellor integración.  


Romanía
Raúl Vilar, estudante de ADE, destaca a súa estancia en Romanía como unha experiencia marabillosa tanto a nivel académico como persoal.


Os 17 estudantes consideran que esta experiencia é unha oportunidade única para desenvolver a súa carreira laboral, pero tamén persoal. Tamén coinciden en que volven a Galicia cun mellor nivel de inglés, con novas amizades, con máis coñecementos culturais e con moitas anécdotas.