A Cátedra Hijos de Rivera–UDC de Desenvolvemento Sostible incorpórase como novo colaborador oficial do 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñería de Proxectos (CIDIP/ICPME 2025), que se celebrará desde hoxe, mércores 16 de xullo e ata o xoves 17 de xullo de 2025 na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña. Durante dous días, Ferrol será o punto de encontro para quen constrúe o futuro da enxeñería e a xestión de proxectos.
Esta cátedra, froito da colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa galega Hijos de Rivera, nace co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias en docencia, investigación e cultura, e de promover unha visión crítica e estratéxica do desenvolvemento sostible. A súa misión alíñase estreitamente cos valores do congreso: innovación, responsabilidade social e compromiso coa contorna.
O principal obxectivo da Cátedra é impulsar modelos disruptivos que logren un equilibrio entre competitividade económica, respecto ambiental e progreso social. Este enfoque será clave para enriquecer o debate multidisciplinar do congreso, especialmente ao redor da sustentabilidade na xestión de proxectos.
Con esta colaboración, o CIDIP/ICPME 2025 reforza a súa vocación de converterse nun punto de encontro entre universidade, empresa e sociedade, fomentando sinerxias que impulsen a transformación responsable da enxeñería e a xestión de proxectos.
O Congreso CIDIP/ICPME 2025 (para máis información pica aquí).
O 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñería de Proxectos (CIDIP/ICPME 2025) está organizado pola Universidade da Coruña, a Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF), a Fundación da Enxeñería Civil de Galicia e AEIPRO_IPMA Spain, en colaboración con Navantia, Fundación Exponav, Xunta de Galicia, Talgo e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC). Ademais, conta co apoio de destacadas institucións, empresas e cátedras universitarias, entre elas atópanse a Cátedra Hijos de Rivera–UDC de Desenvolvemento Sostible, a Cátedra Epifanio Campo, a Cátedra Cosme Álvarez dos Ríos, o Campus Industrial de Ferrol, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais, o Concello de Ferrol e Molins.
O CIDIP/ICPME 2025 celebrarase os días 16 e 17 de xullo na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña, reunirá a especialistas, investigadores e profesionais de 15 países, consolidándose como un dos encontros internacionais máis relevantes no ámbito da xestión de proxectos.
Con 205 comunicacións aceptadas, o Congreso combina modalidades presenciais e dixitais para garantir unha participación accesible e unha difusión ampla do coñecemento:122 comunicacións presentaranse de forma presencial e oral, 40 compartiranse en formato en liña asincrónico, 31 serán presentacións en liña en directo e 27 exhibiranse en formato póster.
A participación internacional está liderada por España, seguida de México, Ecuador e Chile. Tamén están representados países como Alemaña, Bolivia, Perú, República Dominicana, Brasil, Colombia, Costa Rica, Estados Unidos, Guatemala, Irán e Turquía, o que reflicte o crecente interese global por compartir avances en innovación, sustentabilidade, transformación dixital e dirección de proxectos.
A inauguración do Congreso estará presidida por M. Socorro García Cascales, presidenta da Asociación Española de Dirección e Enxeñería de Proxectos (AEIPRO); Ana Isabel Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC; Patricia Cons Formoso, concelleira delegada de Educación e Universidade do Concello de Ferrol e Pilar de la a Cruz, presidenta do Comité Organizador CIDIP 2025.
Premios
AEIPRO entregará os Premios aos Mellores Traballos Fin de Máster durante a Cea de Clausura do CIDIP/ICPME 2025. Estes premios, que recibirán 12 investigadores, recoñecen a excelencia académica, a orixinalidade e a aplicación práctica nos traballos de fin de máster relacionados coa dirección e xestión de proxectos en múltiples sectores. Así mesmo daranse a coñecer os Premio do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais (CGCOII) e accésit; o Premio Jaume Blasco á Innovación e accésit; e o Premio Novo Investigador e accésit.