Novas

A UDC e UVigo clausura con éxito a primeira quenda da terceira edición do campamento tecnolóxico ALDABA-TIC Camp: Misión Salvar a Terra

30/06/2025

 

O venres 27 de xuño de 2025 rematou a primeira quenda do campamento tecnolóxico cun balance moi positivo, tanto pola elevada participación e excelente acollida por parte das familias, como pola implicación e entusiasmo da rapazada e a dedicación do equipo docente, consolidando esta terceira edición como un éxito rotundo.


Do 23 ao 27 de xuño, a Facultade de Informática da UDC e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense (agás na quenda de Coruña que foi de 4 días polo festivo) acolleu a celebración dunha nova edición do campamento tecnolóxico de verán onde participaron nenas e nenos nacidos entre os anos 2013 e 2019 e tivo como eixe temático e título “Salvar a Terra”.


As 82 nenas e nenos asistentes na primeira quenda, 52 na quenda de A Coruña (marcada pola ampliación das 30 prazas ofrecidas inicialmente debido á alta demanda) e 30 na quenda da Universidade de Vigo, recibiron os diplomas pola súa contribución ao coidado do planeta na misión “Salvar a Terra”.

 

 

As e os participantes aprenderon, dun xeito ameno, sobre cuestións como o adestramento con drons, intelixencia artificial, 3D, domótica e programación de robots, tomando como fío condutor “unha misión para protexer o medio ambiente e conseguir salvar o planeta Terra”. Os asistentes traballaron con ferramentas innovadoras como robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou Deseño e impresión 3D. Así, cun enfoque totalmente práctico, o campus contribuíu a fomentar a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso coa sustentabilidade dos seus participantes.


O obxectivo desta acción é cada ano contribuír a “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”. Ademais, o campamento quere axudar a aumentar a porcentaxe de alumnado feminino en estudos relacionados coas TIC, sendo un dos principais retos da cátedra organizadora contribuír á igualdade de xénero nas titulacións tecnolóxicas.


O campus, organizado pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, conta ademais co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, reafírmase así como un espazo de referencia para o impulso das vocacións tecnolóxicas desde idades temperás e unha proposta educativa de referencia para o verán.


A segunda quenda do campamento dará comezo o vindeiro luns, 30 de xuño e durará ata o venres 4 de xullo. A Cátedra ALDABA-WIB continúa así o seu labor para achegar a tecnoloxía á mocidade, especialmente ás rapazas – o 70% das prazas foron adxudicadas a nenas – co obxectivo de avanzar cara a unha representación equilibrada nas futuras xeracións TIC.

 

Noticias relacionadas:
A UDC clausura con éxito a primeira quenda do campamento tecnolóxico da Cátedra ALDABA-WIB. Fonte: Blog UDC 27/6/2025

 

O campamento Aldaba-TIC contou coa participación dunha trintena de nenas e nenos_Fonte: Blog Universidade de Vigo 27/06/2025

 

Entrega de diplomas ALDABA-TIC Camp: Misión Salvar a Terra FIC UDC

Entrega de diplomas ALDABA-TIC Camp: Misión Salvar a Terra ESEI UVigo