Novas

Un estudante da UDC, entre os tres mellores de España nos Premios CREAIMPACTO 2025

01/07/2025

 

O estudante da Universidade da Coruña, Pablo Páramo Telle, foi recoñecido cunha mención de honra nos Premios CREAIMPACTO 2025, situándose entre os tres mellores proxectos do Estado na categoría de Saúde. Estes galardóns, promovidos por Vocento e u4impact, distinguen a nivel estatal os Traballos de Fin de Grao e Máster máis innovadores e cun maior impacto social e ambiental, visibilizando o talento universitario orientado á transformación positiva da sociedade.

 

O traballo premiado, titulado “ComunicELA: Software de Asistencia para a Comunicación en Pacientes con Esclerose Lateral Amiotrófica”, foi desenvolvido como un Traballo Fin de Grao Solidario (TFG) no marco do modelo de Aprendizaxe-Servizo (ApS) da UDC, promovido polo Grupo Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) e en colaboración coa Asociación Galega de Afectados pola ELA (AGAELA). Esta metodoloxía combina aprendizaxe académica e compromiso social, permitindo que o proxecto se construíse en diálogo directo coa realidade das persoas afectadas.

 

O software foi validado con persoas usuarias reais da asociación AGAELA, demostrando a súa eficacia, accesibilidade e pertinencia clínica como ferramenta de apoio á comunicación en pacientes con ELA. Ademais, desde unha perspectiva de dereitos e tecnoloxía aberta, o código fonte foi publicado en acceso aberto na plataforma GitHub (https://github.com/TsolidarioFG/2024-AGAELA-comunicacion) baixo licenza libre, co obxectivo de facilitar a súa reutilización, adaptación e escalabilidade por parte de comunidades científicas, educativas e sociais a nivel nacional e internacional.

 

O proxecto ComunicELA contou coa dirección do profesorado da UDC José Joaquim de Moura Ramos, Luis María Hervella Nieto e Marcos Ortega Hortas, e xa fora recoñecido con outros premios destacados. En concreto, obtivo o Premio ao Mellor TFG Aplicado en Enxeñaría Informática da Facultade de Informática da UDC, e recentemente recibiu o 2º Premio Nacional ao Mellor TFG, outorgado pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Este último galardón entregarase oficialmente no marco da conferencia EVIA 2025, que se celebrará en Xixón entre o 9 e o 11 de xullo.

 

O caso de ComunicELA representa un exemplo inspirador do potencial da universidade como motor de innovación con impacto social real, xerando solucións tecnolóxicas ao servizo de colectivos vulnerables e contribuíndo á construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible.