I Premios Cátedra Vegalsa-Eroski ‘Aos mellores TFG de Temática Galega nos graos de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos'
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa fixo entrega, na Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña (UDC), dos premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) de Temática Galega do curso 2023/2024 nas carreiras de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos.
‘Arraigo’ foi o proxecto gañador do Grao en Comunicación Audiovisual. O premio, valorado en 250 euros, foi recollido polos seus autores Joel Esteves, Elisa Piñón e Jorge Alabau: “Para nós Arraigo representa a conexión entre Galicia e a súa xente. Queremos destacar a importancia de manter viva a nosa cultura e destacar as diferentes facetas que nos fan sentir galegas e galegos, máis aló de simplemente nacer aquí. Por iso explorar temáticas como o mar, o clima, a gastronomía ou as lendas, cremos que pode axudar a comprender un pouco máis porqué podemos dicir que somos galegos”.
Respecto ao Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, o TFG galardoado con 250 euros foi ‘Larapetas’, de Lucía Seoane, Uxía Campos e María Zapata. Larapetas é un proxecto que consiste na elaboración dunha canle divulgativa sobre o uso do galego mediante a creación dun perfil en Instagram coa identidade de Larapetas, un simpático sapoconcho. “O obxectivo é contribuír ao fomento e difusión da cultura galega: a lingua, os costumes, a contorna e a súa variedade”, explican as autoras no TFG.
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC prioriza a súa vinculación con Galicia, a súa realidade e a súa cultura, aspecto que estes premios poñen de relevancia.
Xurado
O xurado do I Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor TFG de Temática Galega do curso 2023/2024 nas carreiras de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos estivo composto polos profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, Sandra Martínez e Manuel García, e pola coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 286 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.