Investigadores da Universidade da Coruña descubriron unha nova especie invasora, a primeira cita na Península Ibérica. Propoñen a súa vixilancia e medidas de actuación para evitar a súa expansión.
Crassula helmsii é unha planta acuática orixinaria de Nova Zelandia, utilizada en acuariología e que supón un grave problema en países como as Illas Británicas e Países Baixos. Crassula helmsii provoca danos en lagos e encoros, pode afectar á calidade da auga e afectar a flora e fauna nativas, e en xeral aos ecosistemas naturais.
O estudo é parte dun proxecto financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible, coa colaboración da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo, e a empresa EMALCSA.
Os investigadores atoparon unha relación entre a presenza desta planta e o nitróxeno do chan e a riqueza de especies nativas. A hipótese dunha relación directa entre outra especie invasora, o cangrexo americano, e a planta descuberta non se demostrou, pero podería existir un beneficio mutuo para as dúas especies que agrave o problema no encoro.
Os científicos propoñen unha maior vixilancia para alertar da entrada de novas invasoras nas primeiras etapas de invasión, que permita limitar a súa expansión e os danos ambientais, sociais e económicos que poida xerar no futuro.
O estudo publicouse na prestixiosa revista internacional “Biological invasions”.
Link ao artigo: https://link.springer.com/article/10.1007/s10530-024-03300-x