Novas

O eurodeputado e ex ministro de Exteriores José Manuel García-Margallo falará sobre 'La política exterior y su contribución al desarrollo económico de España' na UDC

24/04/2023

 

A Cátedra Luís Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de Economía e Empresa da Universidade da Coruña organiza unha conferencia impartida polo eurodeputado e ex ministro de Exteriores José Manuel García-Margallo, quen falará sobre “La política exterior y su contribución al desarrollo económico de España”.

 

O relator, que será presentado polo director da Cátedra Luís Fernández Somoza, Carlos Estévez Mengotti, analizará a situación sociopolítica española e a influencia directa que a credibilidade exterior dun país ten sobre a súa prosperidade, especialmente nun mundo máis globalizado. 

 

A conferencia, de asistencia libre, terá lugar o venres 28 de abril ás 13:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Economía e Empresa.

 

Currículo

José Manuel García-Margallo é eurodeputado e foi ministro de Asuntos Exteriores de España entre 2011 e 2016. Inspector técnico de Facenda do Estado de profesión, e activo na política española desde a Transición, foi deputado nas Cortes Constituíntes con UCD, deputado nas Cortes Xerais durante trece anos e, posteriormente, eurodeputado no Parlamento Europeo durante dezasete anos, onde chegou a ser vicepresidente da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios, antes de incorporarse ao Goberno de Mariano Rajoy á fronte da carteira de Asuntos Exteriores. 

 

En 2016 regresou como deputado ao Congreso e desde 2019 é eurodeputado. É licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto, onde tamén estudou Economía. En 1973 obtivo un máster en Dereito e o International Tax Program pola Universidade de Harvard. En 2004 doutorouse pola Universidade Miguel Hernández de Elxe cunha tese sobre o modelo de benestar europeo. Columnista habitual na prensa, tamén escribiu varios libros.

 

Sobre a Cátedra Luís Fernández Somoza 

A Cátedra de internacionalización de Estudos Luís Fernández Somoza, froito do convenio entre a Universidade da Coruña e Cartesón S.L., ten como fins proxectar aos estudantes e profesores de Economía e Empresa internacionalmente, así como acoller a personalidades académicas de prestixio que acheguen unha visión ampla na realidade complexa da globalización económica.