Novas

O estudante Óscar Carballo do colexio Liceo La Paz da Coruña, natural de Castro de Rei, gaña unha medalla de bronce na Olimpiada Informática Española

27/03/2023

 

Un dos gañadores da Olimpíada Informática Galega 2023, Óscar Carballo Puebla, estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña e natural de Castro de Rei (Lugo), conseguiu unha medalla de bronce na XXVII Olimpiada Informática Española (OIE) que se celebrou esta fin de semana en Madrid, situándose no posto número 11 con 446 puntos (outorgáronse catro medallas de ouro, outras catro de prata e outras tantas de bronce). 

 

O segundo participante galego na fase nacional, Pedro Rey Anca, de Ferrol e estudante de 1º de Bacharelato do IES Saturnino Montojo da cidade ferrolá, recibiu un diploma de mención como participante do certame.

 

A Olimpíada Informática Galega 2023 celebrouse o pasado 10 de febreiro na Facultade de Informática da Coruña (Universidade da Coruña, UDC), evento organizado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), as tres universidades públicas galegas –USC, UDC e UVigo– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), coa colaboración de diversas entidades e empresas do sector TIC: AWS (Amazon-Apser), Concello de Coruña, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Sixtema e Veritas.

 

Accede aquí á noticia completa.