Novas

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, imparte unha conferencia na UDC sobre os orzamentos da Xunta e a importancia da planificación

09/02/2023

 

A Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de Economía e Empresa da Universidade da Coruña organiza unha conferencia impartida por Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

 

A sesión, que terá como título “A Xunta de Galicia, planificación e orzamentos”, será presidida polo reitor da UDC Julio Abalde e terá lugar mañá venres 10 de febreiro ás 13:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Economía e Empresa. A presentación correrá a cargo do director da Cátedra, Carlos Estévez Mengotti. 


Curriculum vitae

Nacido na Coruña en 1971, Miguel Corgos López-Prado é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade da Coruña, na especialidade de economía financeira. Ademais, conta cun Posgraduado en Auditoría de Contas e un Máster en Administración Financeira e Tributaria pola mesma universidade.

 

Dende o 2001 pertence á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia na especialidade de Intervención-auditoría e na de Inspección e xestión financeira e tributaria.

 

Ata o seu nomeamento como conselleiro da Xunta exercía como director xeral de Planificación e Orzamentos na Consellería de Facenda e Administración Pública. Anteriormente, foi subdirector xeral de Control Financeiro Permanente na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e subdirector xeral de Control Orzamentario de Gasto na Dirección Xeral de Orzamentos.

 

Cátedra de Internacionalización Luis Fernández Somoza

A Cátedra de Internacionalización de Estudos Luis Fernández Somoza enmárcase dentro da idea de proxectar ao estudantado e profesorado da Facultade de Economía e Empresa internacionalmente, así como á recepción de personalidades académicas de prestixio, que aporten unha visión ampla na realidade complexa da globalización económica.

 

A formación dos economistas, tanto profesores coma estudantes, esixe unha adecuación á competencia internacional e á flexibilidade na adaptación a novos mercados e novos produtos, nunha economía cada vez máis transnacional.

 

A planificación estratéxica da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña contempla este feito e a Cátedra pretende proxectalo como un elemento máis do programa.