Novas

Remata o 4º Encontro AUoT promovido desde a UDC

27/01/2023

Expertos en urbanismo e territorio destacan a importancia de incluír a emerxencia climática no redeseño das cidades portuarias. Os actuais procesos de humanización das fachadas marítimas deben ter en conta os obxectivos de desenvolvemento sostible e as novas axendas urbanas orientadas a acadar cidades máis sostibles, inclusivas, seguras e resilientes. O quinto encontro AUoT do profesorado da área de Urbanística e Ordenación do Territorio celebraráse o ano que ven en Málaga.

 

Os obxectivos de desenvolvemento sostible, a emerxencia climática e as novas axendas urbanas son algúns dos retos que deben afrontar os profesionais da arquitectura, da enxeñería e da paisaxe á hora de abordar o urbanismo e a ordenación do territorio, o que require a incorporación destas materias na docencia e na investigación universitaria co obxectivo de acadar cidades máis sostibles, inclusivas, seguras e resilientes, onde prime o benestar das persoas e a protección do medio ambiente.


Así o puxeron de manifesto os investigadores e docentes reunidos hoxe no 4º Encontro AUoT organizado pola Área de Urbanística e Ordenación do Territorio, integrado no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. 


As actividades, coordinadas polo profesor da ETSAC Jesús Conde García, contaron co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Museo de Belas Artes da Coruña -que acolleu o encontro- e da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, así como da Autoridade Portuaria da Coruña.
 

Humanización das fachadas marítimas 
O caso das cidades portuarias como A Coruña foi obxecto de especial análise, tendo en conta os actuais procesos de humanización das fachadas marítimas e de recuperación de espazos portuarios para a cidadanía, dentro e fora de Galicia, que requiren dunha planificación estratéxica baseada na sostibilidade e na crecente lexislación sobre paisaxe, entre outras claves.


Estas foron algunhas das cuestións tratadas na mesa de debate “Paisaxe e emerxencia climática: as cidades portuarias como exemplo”, coordinada pola profesora Cristina García Fontán, da UDC, coa participación de Clara García Mayor (Universidad de Alicante), Henrique Seoane Prado (Universidade da Coruña); e Juana Sánchez Gómez (Universidad de Málaga). 


Ademais de expoñer os casos das cidades portuarias de Galicia presentáronse as intervencións desenvoltas en Motril para a renaturalización dos contactos urbanos co porto e a adecuación urbanística do barrio de Varadero no seu acceso ao porto de pesca.


Evolución da docencia e da investigación urbanística
“50 años de docencia e investigación urbanística”, foi outra das sesións celebradas hoxe, en alusión ao próximo aniversario do decreto de fundación da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Contou coa participación da Directora Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, e dos catedráticos de Urbanística e Ordenación do  Territorio José González-Cebrián (Universidade da Coruña) e Carles Llop (Universidad Politécnica de Cataluña).

 

Ofreceron visións complementarias sobre a evolución da docencia e da práctica urbanística durante este período y debateron sobre cales deben ser as liñas de investigación prioritarias para abordar os principais retos das cidades e dos territorios nos vindeiros anos.   


Entidades organizadoras
O 4º Encontro AUoT de profesorado da área Urbanística e Ordenación do Territorio foi  organizado polo grupo de investigación Galicia Cidade e Territorio; o Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición; a Escola Técnica Superior de Arquitectura; a Universidade da Coruña e a Fundación Universidade da Coruña.

 

Imaxe da mesa "Paisaxe e emerxencia climática: as cidades portuarias como exemplo, coordinada pola profesora Cristina García Fontán, da UDC, coa participación de Clara García Mayor (Universidad de Alicante), Henrique Seoane Prado (Universidade da Coruña); e Juana Sánchez Gómez (Universidad de Málaga)".