Novas

“A paisaxe e a emerxencia climática: as cidades portuarias como exemplo”, a debate nunhas xornadas promovidas desde a UDC

25/01/2023

A Área de Urbanística e OT do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC organiza mañá xoves 26 e o venres 27 o 4º Encontro AUoT de Profesorado da Área de Urbanística e Ordenación do Territorio.

 

Investigadores e docentes de diversas universidades españolas debaterán sobre as oportunidades de transformación que viven cidades portuarias como A Coruña á luz dos novos enfoques que está a experimentar o deseño urbanístico, tendo en conta os valores da sostibilidade, a protección da paisaxe e do medio ambiente, e a loita contra o cambio climático.


A actividade farase eco do cincuentenario da constitución, desde o punto de vista administrativo, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, un aniversario que se cumpre neste ano 2023. Desde a perspectiva dos cincuenta anos transcorridos abordarase a evolución da investigación urbanística e as súas proxeccións de futuro de acordo coas novas sensibilidades sociais e modos de vida, así como a xestión pública do territorio. 


O programa inclúe a proxección da curtametraxe “No territorio da arquitectura, Manuel Gallego”, realizado polo seu fillo Pablo Gallego Picard. O documental narra, a modo de viaxe introspectivo, o proceso do proxecto de cinco obras do arquitecto Manuel Gallego, entrelazadas polo tempo, polo territorio de Galicia e polo seu pensamento.


O da Coruña é o cuarto encontro anual organizado polo colectivo AUoT de Profesorado da área Urbanística e Ordenación do Territorio, integrado por investigadores e docentes de universidades de toda España, mentres que as anteriores edicións foron coordinadas desde centros académicos de Madrid, Valladolid e Valencia. 


As actividades, de asistencia libre ata completar aforo, terán lugar no Museo de Belas Artes da Coruña baixo a dirección do profesor da ETSAC Jesús Conde García, co seguinte programa: 

 

Xoves 26 de xaneiro
17:30 h- Visita ao Museo de Belas Artes.
19:00 h- Inauguración.
19:30 h- Proxección da curtametraxe: “No territorio da arquitectura, Manuel Gallego” de Pablo Gallego Picard.
20:00 h- Mesa redonda coa participación de Pablo Gallego Picard, Víctor López Cotelo e Manuel Gallego, moderados por Jesús Conde García.

 

Venres 27 de xaneiro
10:00 h– Presentación.
10:15 h– Mesa de debate “50 anos de docencia e investigación urbanística”, na que participan, por parte da Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC), os arquitectos Jose Juan Gonzalez-Cebrian Tello e Jorge Rodríguez Álvarez; pola Escuela Tècnica Superior d'Arquitectura de Barcelona (ETSAB), o doutor arquitecto Carles Llop Torné; e pola Xunta de Galicia,  a Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz.
12:00 h- Pausa
12:45 h– Mesa de debate “Paisaxe e emerxencia climática: as cidades portuarias como exemplo”, na que participan, por parte da ETSAC, os arquitectos Enrique Seoane Prado e Cristina García Fontán; pola Escuela Politécnica Superior de Alicante, a arquitecta Clara García Mayor; e pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura da Universidad de  Málaga, a arquitecta Juana María Sánchez Gómez.
14:30 h- Pausa


16:15 h– Mesa de debate “Colectivo de profesorado AUoT”, na que participan a arquitecta Almudena Nolasco Cirugeda, da Escuela de Arquitectura da Universidad de Alicante; Fernando Miguel García Martín, da Universidad Politécnica de Cartagena; Rafael Temes Córdovez, da Escuela Técnica Superior de Arquitectura da Universidad Politécnica de Valencia, e o coordinador das xornadas e arquitecto da ETSAC da UDC, Jesús Conde García.
18:00 h– Despedida

 

Entidades organizadoras e patrocinadoras
O 4º Encontro AUoT de profesorado da área Urbanística e Ordenación do Territorio está organizado polo grupo de investigación Galicia Cidade e Territorio (GCeT); o Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición; a Escola Técnica Superior de Arquitectura; a Universidade da Coruña e a Fundación Universidade da Coruña.


Como entidades patrocinadoras conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Museo de Belas Artes da Coruña, e a Autoridade Portuaria da Coruña.