Novas

O proxecto “Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro” propón un plan de restauración integral para mellorar a súa estrutura e naturalidade, e garantir a conectividade do hábitat

02/12/2022

  • Os impactos principais detectados no bosque de ribeira do Barcés, afluente do Encoro de Abegondo-Cecebre, son a presenza de especies exóticas invasoras que afectan ó 86% dos tramos, e a perda de naturalidade polas repoboacións forestais nun 74%. 
  • A proposta inclúe a creación de nodos e conectores que favorezan a continuidade, o reforzo da estrutura mediante a restauración dun bosque de dúas ringleiras, e a eliminación selectiva de invasoras. 
  • O proxecto foi desenvolvido polo equipo da Universidade da Coruña dirixido polos investigadores María José Servia e Jaime Fagúndez, coordinado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable.

 

O proxecto “Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro” comezou no ano 2021, no que se completou unha primeira fase de estudo do bosque de ribeira, o seu estado de conservación e posibles problemáticas ambientais que puideran reverterse. Hoxe, na Facultade de Ciencias da UDC, presentouse o informe cos resultados da segunda fase do proxecto de avaliación do seu estado ecolóxico. O proxecto foi financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, coordinado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e desenvolvido polo equipo da Universidade da Coruña dirixido polos investigadores María José Servia e Jaime Fagúndez.

 

Os bosques de ribeira como o Barcés son formacións naturais que actúan como elemento protector e regulador para moitas especies sensibles e procesos ecolóxicos, e achegan servizos ecosistémicos esenciais como servir de filtro de contaminantes, previr avenidas e regular a calidade da auga limitando o quecemento. Ademais, o bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural. 


Nesta segunda fase, continuouse o traballo de prospección que se realizou na primeira fase no ano 2021. Para isto elaborouse un protocolo de recollida de datos observando o estado do río en función da súa estrutura, naturalidade e continuidade. O protocolo aplicouse de forma sistemática en todo o río, dividido en doce tramos e 35 subtramos definidos por variacións nos usos dominantes e a paisaxe. Tamén se ampliou a área de estudo cunha primeira prospección nos encoros de Meirama e Abegondo-Cecebre.


Atopáronse diferentes problemas asociados á perda de naturalidade por presenza de especies exóticas invasoras nun 85,7% dos tramos, e por presión de especies forestais nun 74,2%. As invasoras máis frecuentes foron Tradescantia fluminensis, atopada en 14 dos 35 subtramos, e a falsa acacia (Robinia pseudocacia) en sete.


Os impactos de perda de continuidade do bosque por descontinuidades como estradas acada o 37,1%, e por gasodutos ou liñas de alta e media tensión nun 40%. A perda de estrutura horizontal do bosque observouse nun 57,1%, e lonxitudinal nun 28,5%. Outros impactos indirectos proveñen dos cambios na dinámica do río como as canalizacións ou barreiras, e a presenza de residuos no bosque.


Nos diferentes tramos propóñense medidas de restauración e mellora da calidade do bosque de ribeira, priorizando a mellora da conectividade e limitando as vías de entrada para especies invasoras. As actuacións de restauración pasiva limitan as presións externas e favorecen a rexeneración natural do bosque. A limitación de uso forestal e de presión agrícola son prioritarios, así como a mellora da conectividade eliminando os espazos sen cobertura arbórea por infraestruturas. Noutros casos requírese a restauración activa mediante o reforzo da cobertura arbórea.


Entre as medidas proponse aumentar a cobertura de bosque favorecendo a segunda ringleira en tramos dunha liña, e formando zonas núcleo restaurando bosque nos meandros do río, un patrón de nodos e conectores que favorece a conectividade. 


O proxecto continúa avanzando con vocación de axudar a administracións e propietarios a facer un uso sostible do río Barcés e a súa contorna, mellorar o estado do seu bosque de ribeira, e conservar os seus tesouros.

 

 

Consulta aquí o traballo completo da segunda fase do proxecto “Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro”.

 

Contacto: 
María José Servia y Jaime Fagúndez, UDC