News

A Cátedra Vegalsa Eroski-UDC e a Editorial UOC publican 'Comunicación e Saúde', o segundo libro da Colección Comunicación 2030

08/04/2026

 

A colección Comunicación e Axenda 2030, froito da colaboración entre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, a Editorial UOC e Vegalsa-Eroski, ten xa o seu segundo libro dispoñible, ‘Comunicación e Saúde’, do autor Daniel Catalán, catedrático de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid. A obra aborda a relevancia da comunicación como ferramenta clave para promover a saúde e o benestar, en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 3.


A colección Comunicación e Axenda 2030 estará composta por un total de 17 títulos e cada exemplar estará dedicado a un ODS, combinando rigor científico e capacidade de divulgación no estudo da achega da Comunicación á consecución dos ODS.


O Campus de Oza acolleu esta mañá a presentación da obra no marco da xornada ‘Comunicar + Saúde’, na que participaron o autor do libro, Daniel Catalán; a vicerreitora de Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares; a directora de Comunicación 2030 e da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa; e a representante de Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Patricia Domínguez. 


“A saúde non se decide só nos hospitais, tamén se constrúe nos medios de comunicación, os discursos e as relacións sociais. De esa necesidade nace este libro”, destacou o autor, Daniel Catalán. 


“Este libro representa unha das liñas estratéxicas da Cátedra, ao abordar a importancia que ten a comunicación para a saúde, na medida en que pode axudar a informar sobre riscos como vimos na Covid-19, convencer á poboación dos comportamentos máis saudables ou mellorar a relación entre profesionais e usuarios”, subliñou a directora de Comunicación 2030 e da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa.


“Dende Vegalsa-Eroski, non podemos máis que expresar a nosa satisfacción porque un novo título da colección vexa a luz, xa que consideramos que este proxecto contribúe de forma excepcional a abordar a aportación da comunicación á consecución dos ODS dende o punto de vista do rigor científico, nun contexto de grande actividade mediática e infoxicación”, indicou a representante da área de Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Patricia Domínguez.


Saúde mental e redes sociais
Ademais, a xornada contou co relatorio “Viviendo en el feed. Salud mental y redes sociales en la adolescencia”, impartida pola profesora da Universidade Pompeu Fabra, Mónika Jiménez. Durante a súa intervención, analizou o impacto das redes sociais na saúde mental da poboación adolescente, así como os desafíos e oportunidades que presentan estes espazos na construción de discursos arredor dos trastornos psicolóxicos.
Con esta iniciativa, a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC reforza o seu compromiso coa divulgación do coñecemento e coa análise dos retos sociais contemporáneos desde a perspectiva da comunicación responsable. “Comunicación e Saúde” atópase xa dispoñible para a súa adquisición na páxina web oficial da editorial UOC.


Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021, impulsada por Vegalsa-Eroski e a Universidade da Coruña, co obxectivo de traballar a favor dunha comunicación nas organizacións comprometida e con conciencia, que axude á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna. Desde o pasado mes de xullo, Fundación Eroski sumouse a este proxecto, para dar continuidade a unha iniciativa que se aliña cos valores que promove. As accións da Cátedra están centradas en catro eixos de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social. 


Editorial UOC
A Editorial UOC publica manuais universitarios, libros de divulgación e libros de ensaio e investigación, cunha grande presenza temática da comunicación. É a primeira editorial universitaria española no ranking de prestixio editorial SPI 2022 e mantén vivo un catálogo de 4.000 títulos en formato impreso e dixital.