A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética entregou esta mañá os II premios ‘Galicia Renovable’, que recaeron en catro estudantes, dous da Universidade da Coruña (UDC) e dous da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Erick Jesús Morais Pombo, Saleta Martínez Tella, Miguel Díaz Abalo e Miguel Varela Hoyos son os estudantes recoñecidos nesta segunda edición dos premios, que buscan dar visibilidade a aqueles proxectos que contribúan ao proceso de descarbonización en Galicia.
O xurado destacou o éxito de participación desta edición, cun total de 34 proxectos presentados, 20 na categoría de Traballo Fin de Grao (TFG) e 14 na categoría de Traballo Fin de Máster (TFM), e a creatividade e innovación tecnolóxica dos mesmos, así como o gran potencial e a aplicabilidade das solucións expostas.
Ademais, sinalou a calidade dos proxectos presentados, nos que se podía comprobar os avances e propostas innovadoras nos distintos ámbitos de investigación das universidades galegas en relación coa transición enerxética e na loita contra o cambio climático.
Os galardóns foron entregados nun acto presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e no que participaron a directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade de Greenalia, Beatriz Mato; o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez; o presidente da Asociación Eólica de Galicia, José Manuel Pazo; e a adxunta de Investigación da UDC, Amalia Jácome.
Durante o evento, Beatriz Mato, destacou “o compromiso coa transición enerxética e a innovación” presente nos traballos presentados a estes premios. Mato incidiu na “relevancia de impulsar iniciativas como estas, que teñen a descarbonización como liña transversal”. Un eido no que as universidades -salientou- teñen moito que achegar, nesa procura da excelencia para acadar solucións innovadoras ao proceso de transición.
Un contexto no que Greenalia entendeu que, ademais de seguir avanzando na posta en marcha de renovables, tamén había que apostar pola investigación, de aí a orixe da Cátedra de Transición Enerxética en colaboración coa UDC.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, felicitou aos premiados polos seus traballos, ao tempo que valorou o nivel de participación e a calidade das candidaturas, o que é unha mostra deste “gran talento mozo que temos na UDC, con grandes capacidades, que debemos ser quen de aproveitalas”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, subliñou o papel fundamental que teñen as universidades na promoción de talento neste ámbito e apostou por “unha descarbonización gradual que permita ás empresas adaptarse aos novos requirimentos sen perder competitividade”.
Categorías e premios
Nesta segunda edición establecéronse dúas categorías: unha, para os TFM, cun galardón de 1.200 euros, e outra, para os TFG, con dous premios. O primeiro está dotado de 1.000 euros e o pago da matrícula dun curso académico nun dos Máster que oferte a UDC para o seguinte curso e o segundo de 750 euros, ao que se suma tamén o abono da matrícula.
Premio Fin de Máster
O premio ao Mellor Traballo de Fin de Máster foi outorgado a Erick Jesús Morais Pombo, graduado en Enxeñaría Informática pola UDC. O traballo titulado “Sistema de Información Xeográfica para análise de consumo enerxético en edificacións” busca crear un sistema de información xeográfica capaz de analizar a demanda enerxética existente nas edificacións urbanas. Para elo, utilízase un Modelo Urbano de Enerxía en Edificacións (UBEM), desenvolto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), para predicir demandas de calefacción, refrixeración e iluminación nos edificios e permite simular melloras na eficiencia enerxética a través de reformas arquitectónicas. O sistema facilita a toma de decisións para reducir a demanda enerxética e as emisións, aliñándose coas políticas de transición enerxética.
Premios aos mellores traballos Fin de Grao
Saleta Martínez Tella e Miguel Díaz Abalo, graduados en Enxeñaría Química pola USC, recibiron o premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) polo seu traballo “Planta de produción de dimetil éter a partir da deshidratación catalítica de metanol”. Un TFG no que o eixo foi o deseño dunha planta de produción de dimetil éter a partir da deshidratación catalítica do metanol, contribuíndo así á adaptación e modernización do sector enerxético respecto ás necesidades actuais e requisitos de descarbonización do sistema e de medios de transporte. Mediante o emprego da integración enerxética e da recirculación do metanol non reaccionado, permítese reducir o consumo enerxético e de materia prima requiridos polo proceso.
Finalmente, o segundo premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao foi concedido a Miguel Varela Hoyos (UDC). O traballo “Avaliación de eléctrodos funcionalizados para baterías de litio-aire”, propón mellorar a solubilidade e a difusividade do osíxeno nas baterías de litio-aire co fin de facelas viables para aplicacións prácticas. As baterías de litio-aire poderían desempeñar así un papel fundamental para facilitar a transición global a sistemas enerxéticos sostibles, contribuíndo á redución das emisións de carbono e axudando aos esforzos mundiais para combater o cambio climático.