A finalidade desta convocatoria é fomentar e premiar a investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial como parte dunha economía circular que axude á protección do medioambiente.
Estes premios están dirixidos a investigadores incluídos no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña, na data en que acaba o prazo de recepción de solicitudes da presente convocatoria. Tamén poderán participar os estudantes matriculados no curso 2024-2025 en programas de doutoramento ou en traballos fin de grao ou máster da Universidade da Coruña que realizasen tarefas de investigación asociadas a ese proxecto, sempre que vaian acompañados de polo menos outro solicitante incluído no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña.
Os investigadores poderán participar de forma individual ou en grupo. En caso de participación grupal, todos os membros do grupo deben cumprir os requisitos, aínda que poden pertencer a distintos grupos de investigación dos recolleitos no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña. Cada investigador poderá participar como máximo en dous dos proxectos presentados na presente convocatoria.
Outorgarase un primeiro premio dotado de 6.000 euros e un segundo premio dotado de 4.000 euros.
O prazo de recepción de solicitudes termina o 21 de setembro de 2025. O solicitante (no caso de participación individual) ou unha persoa de contacto (no caso de participación grupal) deberá realizar a inscrición e o envío do proxecto cubrindo o formulario dispoñible na seguinte ligazón. No caso de que ese mesmo solicitante ou persoa de contacto desexe presentar un segundo proxecto, deberá cubrir o formulario ao que se accede a través desta outra ligazón. Se a solicitude inclúe a algún estudante de doutoramento ou de traballo fin de grao ou máster, deberase achegar tamén no formulario o resgardo de matrícula correspondente.
Para optar a estes premios, ademais de anexalo nos formularios de solicitude, os solicitantes deberán presentar o seu proxecto de investigación durante unha xornada que organizará a Cátedra Epifanio unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes. Esta xornada servirá de encontro para os distintos grupos de investigación da Universidade da Coruña no ámbito do medioambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos e finalizará co acto de entrega dos III Premios de Investigación Epifanio Campo.
Para calquera dúbida ou consulta sobre as bases desta convocatoria, contactar na dirección de correo electrónico: catedra.epifaniocampo@udc.es
Para calquera dúbida ou consulta sobre o procedemento de inscrición, contactar na dirección de correo electrónico: belen.pazos@udc.es
Estas bases estarán dispoñibles en https://www.rodonitamedioambiente.com/actividades-21
Documentación a achegar:
Data de celebración: Do 11/07/2025 ó 21/09/2025
https://www.rodonitamedioambiente.com/actividades-21
Teléfono de contacto: 881011171
Enderezo electrónico: belen.pazos@udc.es