A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business foi constituída en setembro de 2019 por ALDABA, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, có obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por un lado, promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento; e, por outro, establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
Os centros adscritos a esta Cátedra son a Facultade de Informática, no campus de A Coruña da UDC, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática, no campus de Ourense da UVigo. Ao tratarse dunha Cátedra interuniversitaria, con ela búscase promover sinerxías entre ámbalas dúas Escolas de Informática, propor actividades conxuntas e estreitar lazos.
Unha das liñas estratéxicas que contempla a Cátedra é contribuír á formación de alto nivel dos futuros graduados da FIC-UDC e a ESEI-UVigo, a través de actividades que acheguen ao corpo estudantil as necesidades e posibilidades de uso das TIC en empresas. Tamén, facilitar a súa integración no mundo laboral, salientando as competencias, coñecementos e habilidades que demanda o tecido empresarial galego.
Por outra banda, a Cátedra promove o desenvolvemento de actividades que contribúan a dar visibilidade ás achegas das mulleres no eido das TIC, de cara a xerar referentes para espertar o interese de nenas e rapazas nas carreiras tecnolóxicas. E tamén á difusión das innumerables e salientables contribucións das TIC na mellora dos servicios sociais, culturais, da saúde e, en xeral, da visión máis humana do progreso, lonxe de estereotipos puramente tecnolóxicos.
Precisamente, dentro das iniciativas para reducir a fenda de xénero no ámbito TIC, a Cátedra puxo a disposición da sociedade BBG-TIC (Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC), unha ferramenta web de balde que reflicte graficamente, e que permite consultar, filtrar por diferentes criterios e marcos temporais, a evolución da subrepresentación feminina nos estudos de enxeñaría TIC (fundamentalmente enxeñaría informática e as titulacións máis próximas), en comparación co resto dos estudos. Este "barómetro" estará permanentemente actualizado cos novos datos de matrícula, resultados académicos, etc. publicados polas administracións públicas do ensino, e permitiranos saber se as medidas que se están levando a cabo dende os distintos estamentos da sociedade para reducir a fenda están a ter éxito ou non.
A Cátedra ALDABA-WIB colabora un ano máis na VI Feira de Prácticas e de Emprego que organiza a Facultade de Informática da UDC, un evento destinado ao alumnado para que coñeza de primeira man as empresas onde o próximo curso académico realizarán prácticas curriculares. A Cátedra contará cun stand que se poderá visitar o venres 25 de abril de 9:30 a 15:00h.
O 22 de abril do 2021 as docentes e investigadoras da UVigo Rebeca Díaz e Alma Gómez reflexionan sobre o papel da muller neste ámbito en GCiencia
Aquí podes ler no artigo completo -> A tecnoloxía é feminina: Día Internacional das Nenas nas TIC
A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business traballa para romper os estereotipos de xénero e conseguir que as mozas tomen a súa decisión coa información completa e realista sobre a profesión da enxeñaría informática.
Con motivo da celebración o 11 de febreiro do 2021 do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia a Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business patrocina o seguinte video onde a profesora da Escola Superior de Enxeñaría de Ourense Alma Gomez Rodiguez anima ás rapazas a estudar informática.