Novas

Experiencias de internacionalización desde a Universidade da Coruña

25/08/2017

 

Os beneficiarios das primeiras axudas da Cátedra Luis Fernández Somoza botan a vista atrás para realizar un balance das súas estadías en diferentes universidades estranxeiras.

 

Diego, estudante Erasmus en University of South Wales, Cardiff:

 

“O aspecto que máis me gustou do sistema universitario do Reino Unido é a tradición de que cada universidade teña a súa Student Union, unha especie de asociación xigante de estudantes que constantemente organiza actividades de todo tipo: culturais, deportivas, viaxes... Tamén cada universidade ten o que alí chaman Societies, algo así coma clubs aos que podes apuntarte segundo os teus intereses: clubs de deporte, de baile, de intereses comúns, política... Sen dúbida intentaríao implantar aquí en España, pareceume unha idea xenial.

 

Na cidade había moitísimos estudantes internacionais, tanto Erasmus como pertencentes a outros programas de intercambio europeos e doutros continentes, e tanto grazas á universidade como ao traballo que conseguín coñecín a persoas procedentes de todo o mundo: franceses, italianos, alemáns, portugueses, exipcios, marroquís, chinos... xente de todos os países do mundo, o cal sempre é moi positivo porque permite entrar en contacto con moitas culturas diferentes e aprender moito de todas elas".

 

Laura, a través do Convenio da UDC (Máster en Dirección e Administración de Empresas) con Widener University Delaware Law School (Máster in Jurisprudence in Business and Corporate Law):

 

“Son moitos os aspectos positivos que levo desta experiencia. Ademais de perfeccionar o meu nivel de inglés, coñecín a moitísima xente de diferentes países, onde o intercambio de culturas é algo moi enriquecedor a nivel persoal. No referente ao nivel de estudos, podo dicir que adquirín moitos coñecementos do mundo do Dereito Laboral americano, antes totalmente descoñecidos, que me pareceron algo moi interesante para o meu futuro laboral".

 

Julián, estudante do Máster en Administración e Dirección de Empresas da Universidade da Coruña na Rennes School of Business:

 

“Tanto a calidade do persoal docente da Rennes School of Business como a calidade dos cursos e o material de estudo proporcionado son excelentes. Ademais, a posibilidade de cursar adicionalmente a materia de Francés ofreceunos a oportunidade de mellorar a nosa preparación lingüística durante a estancia. O grao de integración cos estudantes locais foi notable, pois a metodoloxía de traballo proposta pola escola permitiunos compartir moitas horas de traballo e de ocio ao longo do cuadrimestre. A modo de conclusión, podería dicirse que o aporte académico da estadía é excelente e que como consecuencia desta experiencia aumentou a nosa motivación para traballar en calquera outro país membro da Unión Europea".

 

Javier, estudante Erasmus na Universidade de South Wales:

 

“A forma de avaliar baséase, na mayoría de asignaturas, en facer un traballo de aproximadamente 3000 palabras de carácter completamente teórico. Estos traballos resultan útiles de cara a adquirir competencias redactoras. Creo que moitas queixas do sistema británico fundaméntanse na falta de aprendizaxe acerca dos temas de estudo. Sen embargo, considero que hai que ter en conta que con estudo independente pódese aprender tanto coma se desexe, e que, sen dúbida, apréndese a facer traballos moito mellor, o cal pode ser máis útil nun futuro que ser un experto dun tema que igual nunca volverás tratar”.

 

Álvaro, alumno do Mestrado Universitario en Dirección e Administración de Empresas da UDC na ESC-Rennes School of Business:

 

“A creación de dobres titulacións internacionais é un importante avance docente que perfecciona a formación do alumnos e posibilita e mellora o seu desenvolvemento profesional. Paralelamente, os acordos entre institucións educativas axuda a configurar unha educación superior máis moderna e adaptada ás necesidades do mercado. O paso por ambas institucións contribúe de forma moi positiva á transición do alumno do mundo académico ao profesional e completan o desenvolvemento e aplicación dos seus coñecementos e habilidades. Como resultado final da experiencia, podemos resaltar o encadramento do alumno dentro do seu propio perfil profesional, factor clave para a súa correcta incorporación ao mercado laboral”.

 

Lucía, estudante Erasmus na Universidade de South Wales:

 

"O sistema de avaliación da Universidade de South Wales consistía en realizar traballos dunhas 3000 palabras, nos que deberías de tratar un tema ou resolver un caso ficticio aplicando os teus coñecementos sobre a materia. O método para realizar cada un destes traballos adoitaban facilitalo durante as derradeiras clases impartidas en cada cuadrimestre, e sen estas é moi probable non ser quen de estruturar os traballos de xeito correcto e, por tanto, adquirir unha boa calificación. Un factor a ter en conta é saber referenciar, en Reino Unido son moi estritos con este tema, chegando a ser posible suspender de non facelo de forma adecuada. Un punto a favor que me levo desta experiencia é que, hoxe en día, considero que estou moi formada no que a facer traballos se refire, o que considero un punto ao meu favor de cara ao Traballo de Fin de Grao".

 

Pablo, estudante Erasmus na Universidade de South Wales:

 

“O motivo principal de ir a Cardiff foi o convenio de bilateralidade que ofrece a Universidade da Coruña coa University of South Wales. Este convenio abre a posibilidade a quen se acolla a él de obter dous títulos universitarios diferentes por distintas universidades no mesmo tempo que un estudante español obtería simplemente o seu grao, é dicir, en catro anos. Coñeco xente que ten a idea de que ir estudar fóra vai ser duro e que, polo tanto, son reacios a ir, sen embargo, xa de volta podo desmentir todos estes medos, xa que en todo momento, cando tes dúbidas, sínteste moi apoiado polo equipo de coordinación de Erasmus da UDC; ademais, antigos estudantes Erasmus sempre teñen moi boa vontade para axudar e dar consellos”.

 

Iris, a través do Convenio da UDC (Máster en Dirección e Administración de Empresas) con Widener University Delaware Law School (Máster in Jurisprudence in Business and Corporate Law):

 

“[A estancia] aportoume moitos coñecementos e moitas experiencias que me fan sentir moi orgullosa de ter a oportunidade de vivir en primeira persoa. Considero que saír da zoa de confort era un paso necesario para poder desenvolver as diferentes habilidades que non se aprenden nas aulas e que son importantes á hora de incorporarse ao mundo laboral, polo que cando os profesores nos ofreceron a oportunidade non dudei en plantexarme si realmente estaba disposta a vivir dita experiencia”. 

 

Santiago, estudante Erasmus na Universidade de South Wales:

 

“A institución é de alto nivel na maior parte dos ámbitos, cunha biblioteca excepcional, un profesorado de alto nivel na súa gran maioría facéndoo ou convertíndoo nunha experiencia moi enriquecedora. Ademais, recomendaría asistir a todas as clases polo menos nun principio, para ver cales son as máis interesantes, xa que algunhas que verdadeiramente o son, como pode ser o caso de Public Relations, ás que o profesor preparaba casos particulares ou invitaba diferentes relatores en cada unha das sesións”.