A novena edición do Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), concluíu o 16 de outubro coa entrega de nove premios a traballos científicos destacados en diferentes ámbitos das tecnoloxías da información e as comunicacións. Entre eles, o Premio Cátedra R recoñeceu unha investigación centrada en mellorar a análise do tráfico de rede e a seguridade das comunicacións.
O encontro reuniu a máis de 150 investigadores e investigadoras e ofreceu un espazo para compartir avances, fomentar a colaboración científica e impulsar o talento investigador novo. A clausura correu a cargo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cunha conferencia sobre o papel da tecnoloxía, a investigación e a innovación no desenvolvemento das cidades.
Neste marco, o Premio Cátedra R distinguiu o traballo “What Should Network Traffic Transformers Learn? A Comparative Study of Pretraining Objectives”, de Sergio Vila-Riveira, Rubén Pérez-Jove, Martiño Rivera-Dourado, Alejandro Pazos e José Vázquez-Naya. A investigación compara cinco estratexias de aprendizaxe autosupervisado para adestrar modelos baseados na arquitectura Transformer capaces de analizar o tráfico de rede. Os resultados mostran que a estratexia de preentrenamiento inflúe no rendemento dos modelos en distintas tarefas de clasificación, achegando criterios para desenvolver sistemas máis eficaces de análises e seguridade das comunicacións. O galardón recoñece contribucións destacadas no ámbito da seguridade, tanto en ciberseguridade como noutras aplicacións.