A novena edición do Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), concluíu o 16 de outubro coa entrega de nove premios a traballos científicos destacados en diferentes ámbitos das tecnoloxías da información e as comunicacións. Entre eles, o Premio Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business) recoñeceu unha investigación sobre como mellorar a interacción entre robots e persoas.
O encontro reuniu a máis de 150 investigadores e investigadoras e ofreceu un espazo para compartir avances, fomentar a colaboración científica e impulsar o talento investigador novo. Clausúraa correu a cargo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cunha conferencia sobre o papel da tecnoloxía, a investigación e a innovación no desenvolvemento das cidades.
Neste marco, o Premio Cátedra Aldaba-WIB distinguiu o traballo “What Helps Robots Align? The Role of Vision and Feedback”, de Diana Porcas, Alejandro Romero e Richard J. Duro. A investigación estuda como mellorar a capacidade dos robots para interpretar as intencións humanas e adaptar o seu comportamento ás instrucións recibidas, contribuíndo ao desenvolvemento de sistemas robóticos capaces de interactuar de forma máis eficaz coas persoas. O galardón recoñece a contribución científica máis relevante cuxa primeira autora é unha muller e pon en valor o papel das investigadoras no avance das tecnoloxías da información e as comunicacións.