News

A Cátedra Epifanio Campo convoca a cuarta edición do seu premio de divulgación científica

26/10/2026

 

A Universidade da Coruña (UDC), a través da Cátedra Epifanio Campo, convoca unha nova edición do seu Premio de Divulgación Científica, dirixido ao alumnado universitario interesado en achegar a ciencia á sociedade e promover a sensibilización sobre o medio ambiente e a sustentabilidade.

 

O certame, que alcanza a súa cuarta edición, convida a estudantes de grao, máster e doutoramento matriculados na UDC durante o curso 2026-2027 a presentar propostas multimedia en formatos como vídeos, infografías, fotografías, ilustracións ou animacións. Os traballos deberán abordar conceptos científicos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía, os recursos naturais ou a xestión e valorización de residuos industriais. Non se admitirán propostas centradas en residuos sólidos urbanos, domésticos ou asimilables.

 

A convocatoria contempla un primeiro premio de 1.200 euros e ata tres accésits de 300 euros. As propostas poderán presentarse individualmente ou en grupo, cun máximo de dúas solicitudes por estudante. O xurado terá en conta a orixinalidade, a calidade técnica e artística, a claridade da mensaxe e a súa capacidade para divulgar coñecementos científicos de forma accesible. Valoraranse especialmente os enfoques que destaquen solucións e contribúan a sensibilizar sobre os retos ambientais.

 

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 29 de xaneiro de 2027. A documentación necesaria, as bases completas e os formularios de inscrición poden consultarse na web da convocatoria.

 

Con esta iniciativa, a Cátedra Epifanio Campo, impulsada en homenaxe a Epifanio Campo, fundador do Grupo Rodonita, reforza o seu compromiso coa investigación, a formación e a divulgación en ámbitos crave para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible.