News

O 70% dos participantes continúa a súa actividade nas empresas de acollida

04/10/2016

 

Sete de cada dez participantes no Programa de Axentes de Innovación impulsado polo Concello e a Fundación Universidade da Coruña continúa a súa actividade logo de finalizar as prácticas profesionais coas empresas de acollida que integran o convenio de I+D+i o pasado 30 de novembro.


De entre as persoas beneficiarias do programa que permanecen vinculadas ás entidades colaboradoras, un 72% vén de comezar prácticas remuneradas (cotizando á Seguridade Social) e un 28% ten asinado un contrato laboral. Ademais, o 14% destes recentemente titulados e tituladas universitarios iniciará un programa formativo no estranxeiro da man das empresas de acollida.


Programa de Axentes de Innovación


Este programa, froito dun convenio entre a FUAC e a Concellaría de Emprego e Economía Social, pretende axuntar os tres piares no desenvolvemento da I+D+i, como son o tecido empresarial, a Universidade e a propia Administración pública. 

 

Deste xeito, a Universidade transfire coñecemento a través dos seus egresados; a Administración impulsa un programa complementario de formación – acción orientado ao desempeño profesional a través de seu Centro de Emprego; e as empresas acollen axentes de innovación cun dobre obxectivo: completar a súa adaptación ao mercado laboral e afondar no seu propio proceso de innovación.


A Coruña, cidade de innovación


O primeiro Foro+I+D+C, celebrado hoxe no Paraninfo da Universidade da Coruña, supón un paso máis na colaboración entre a Universidade e o Concello da Coruña no eido da innovación e o emprendemento. Con máis dun centenar de participantes, a xornada contou con dúas mesas de experiencias sobre emprendemento e desenvolvemento a cargo de profesionais como Ricardo Álvarez, director de desenvolvemento e negocios internacionais de NETEX; Nerea Sánchez, responsable de administración e xestión de proxectos do CETIM; Roberto Fraga, director e fundador de PILGRIM; Fátima Carmena, directora de proxectos de marketing de NASAS; Alberto Lema, concelleiro de Emprego e Economía Social; José Valiño, director xeral, IT, procesos e operacións de ABANCA; Frank Fernández, director e fundador de TEXAS CONTROLS; e Marta Núñez, do CITIC.


“Este foro nace con vocación de continuidade e de servizo”, asegurou o director do Posgrao en Xestión Empresarial da Innovación da Universidade da Coruña, José Manuel Barreiro Viñán. Un compromiso secundado polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, durante a inauguración da xornada: “É fundamental que todas as institucións, tanto públicas como privadas, traballen man a man cos focos de progreso, como son as universidades, para facer desta unha cidade de innovación”, subliñou.