Actualidade

As universidades da Coruña e de Vigo renovan coa empresa Aldaba a Cátedra para promover vocacións TIC entre as mulleres

12/09/2022

Os reitores das universidades da Coruña, Julio Abalde, e de Vigo, Manuel Reigosa, e o responsable da empresa Aldaba, Enrique Fernández, asinaron este luns a renovación do convenio da Cátedra Aldaba  Wib: Women, ICT & Business, unha iniciativa que comezou en outubro de 2019, e que ten como obxectivo promover a participación das mulleres no campo das TIC de cara a xerar referentes para espertar o interese das nenas e rapazas nas carreiras tecnolóxicas. 

 

Na sinatura do acordo participaron as coordinadoras da Cátedra de ambas universidades, a profesora da Facultade de Informática da UDC, Virginia Mato, e da Escola Superior de Enxeñería Informática da UVigo, Alma Gómez. 

 

 

A Cátedra, de carácer interuniversitario, conta con dous centros adscritos, por unha banda, a Facultade de Informática, no Campus de Coruña e, por outra banca, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, no Campus de Ourense, de maneira que ambos centros colaboran na posta en marcha das diferentes actividades que se levan a cabo. 

 

Ademais do fomento das titulacións TIC entre as alumnas de ensinanza secundaria, as principais liñas estratéxicas incluyen tamén contribuir á formación de alto nivel dos futuros graduados e graduadas da FIC-UDC e a ESEI-UVigo, a través de actividades que achegen ao alumnado as necesidades e posibilidades do uso das TIC en empresas, así como facilitar a súa integración no mundo laboral. 

 

Entre os diferentes exemplos de actividades postas en marcha pode mencionarse o vídeo realizado desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense no que a profesora Alma Gómez explica dunha forma amena e directa, e dirixíndose dun xeito especial as rapazas, as oportunidades que ofrecen as carreiras de enxeñaría informática e as razóns para estudar esta titulación.