Novas I+D+i

Finalizadas as estancias no estranxeiro financiadas pola Cátedra Luis Fernández Somoza

03/10/2019

 

Os estudantes beneficiarios das axudas á internacionalización concedidas pola Cátedra Luis Fernández Somoza xa regresaron tralas súas estancias no estranxeiro. No curso 2018/2019, un total de sete alumnos da Facultade de Economía e Empresa cursaron parte dos seus estudos nas Universidades de South Wales e Delaware e comparten as súas experiencias:

 

Vanesa, a través do Convenio da UDC e Delaware Law School:

"Solicitar a experiencia estudando nos Estados Unidos a través do convenio entre a UDC e Widener University foi todo un acerto. Ao realizar unha mobilidade internacional considero que se aprende desde o prieiro momento que se solicita a praza: cos requerimentos formais de solicitude e presentación de documentación, un familiarízase cos procedementos a seguir, cumprir prazos e incluso solucionar problemas que aparecen durante o transcurso do proceso. 

O programa está ben organizado por parte da Delaware Law School e hai que destacar que sempre estiveron pendentes das nosas necesidades. Sen dúbida, unha inversión en formación profesional ao mesmo tempo que crecemento persoal saíndo da zona de confort."

 

José María, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"O meu ano en Cardiff foi unha experiencia que me serviu para medrar como persoa e convivir con xente distinta. Ensinoume a coñecer novas culturas e novas formas de aprender e pensar. Foi un ano magnífico do que me levo lembranzas imborrables e ensinanzas que me van axudar no futuro."


Iria, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"Escollín estudar Logistics and Supply Chain Management (loxística e xestión da cadea de subministro) xa que me parecía unha opción moi interesante que me podría axudar moito, tanto no presente coma nun futuro profesional. Academicamente estou moi contenta do aprendido durante este ano. As materias parecéromne moi interesantes e a forma na que os profesores imparten as clases paréceme moi efectiva. En resumo, a miña experiencia foi moi positiva, tanto académica coma persoalmente. Este ano no estranxeiro axudoume a madurar, formarme, seguir mellorando o meu inglés, coñecer xente e vivir moitas novas experiencias."


Lucía, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"A miña experiencia como estudante de intercambio na South Wales University pódese resumir coma enriquecedora en todos os sentidos. En primeiro lugar, porque me deu a oportunidade de mellorar e dominas os meus coñecementos doutro idioma, de coñecer persoas de diferentes partes do mundo, de estudar cun método diferente ao que previamente utilizara en España e finalmente tamén me permitiu aprender a compaxinar os ámbitos tanto educativo, laboral como do mantemento do fogar.

Recomendo esta experiencia a todo o mundo xa que de ela apréndese moito tanto académica como persoalmente."


Sabela, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"A parte académica foi moi boa, fácil e fructífera, moito mellor do que esperaba, Sen dúbida, o contido aprendido me será moi últil no futuro. 

Agora considero que son perfectamente capaz de entender a calquera persoa de fala inglesa, sen importar o seu acento, posto que non tiven ningún problema para comunicarme en inglés en Irlanda, Inglaterra ou Gales. Foi unha grande experiencia e recoméndoa totalmente."

 

Carmen, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"A miña experiencia en Cardiff foi un ano cheo de sorpresas e descubrimentos. Elixín este destino, xa que me daban o título británico aparte do español, o que academicamente me pareceu unha grande oportunidade. Ademais, quería mellorar o meu vocabulario en relación ao mundo dos negocios e da empresa.

Atrevinme con optativas relacionadas con dereito e relacións públicas e descubrín que me gustan ese dous ámbitos. Teño que admitir que ao principio costoume adaptarme ao sistema británico pero esfrozándome conseguino sacar e ademais, ser dos mellores expedientes do meu curso."

 

María, a través do convenio da UDC y a Universidade de South Wales:
"Estou sumamente agradecida da oportunidade de levar a cabo este intercambio por convenio bilateral específico en Gales, tanto polo gran valor que considero que ten o programa de doble titulación, o fortalecemento da fluidez e facilidade para comunicarme en inglés que desenvolvín durante o curso, e porque considero que grazas a esa gran experiencia desenvolvín ferramentas fundamentais para a vida, como unha mirada con maior perspectiva e unha maneira de pensar máis crítica, que me permiten analizar máis de unha alternativa e enfoque sobre un mesmo tema."