Actualidade

O Consello Social da UDC celebra a primeira edición de ‘University-Industry Interaction Forum’

10/05/2019

 

O Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) celebrou onte, coa colaboración da Cámara de Comercio da Coruña, a primeira edición de ‘University-Industry Interaction Forum’ co obxectivo de fomentar oportunidades de negocio a través da interacción entre axentes públicos e privados. Durante o encontro, os participantes abordaron os retos actuais en materia de gobernanza e xestión universitaria que inciden directamente na actividade de transferencia dos resultados da investigación universitaria ao sector produtivo.
 
Na primeira mesa redonda puxéronse sobre a mesa cuestións relacionadas coa lexislación da universidade. O reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, sinalou a importancia dun achegamento entre a universidade e as empresas. “É preciso que haxa unha interacción entre a universidade e a empresa para coñecernos e ofrecer sistemas de formación conxuntos polo ben da universidade e da sociedade, xa que estamos a xogarnos o seu futuro”.
 
O presidente do Consello Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, recordou, pola súa parte, que “a responsabilidade de dotar á universidade de medios tanto financeiros como de xestión depende de toda a sociedade”, e subliñou que, por parte do tecido empresarial, “debe haber un maior compromiso”. O tamén presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas apuntou que “a universidade necesita unha reforma porque é o motor motor do cambio da sociedade e non pode ser un arma política que cambie cada catro anos”.
 
Durante a súa intervención, o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz Amor, sinalou que esta entidade aposta pola formación e destacou a importancia de iniciativas como este foro para fomentar a interacción entre o sector público e o privado, “aínda que a transferencia de coñecemento está condicionada polo modelo de universidade e, á súa vez, o modelo de universidade o está pola gobernanza", apostillou.
 
Baixo o título “Xestión e políticas públicas para a colaboración Universidade-Empresa”, esta primeira mesa redonda contou tamén coa participación do vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, que recoñeceu a necesidade da existencia dun acordo “para realizar a reforma que demanda a sociedade, xa que hai seis anos non existía e agora tamén é unha responsabilidade política”.