Novas I+D+i

Traballo con menores en risco e desamparo para a súa integración na sociedade

27/03/2017

 

Na súa misión de apoiar a investigación na Universidade da Coruña e a transferencia de coñecemento á sociedade, a FUAC facilita acordos de cooperación con empresas e organismos públicos e proporciona aos docentes e investigadores un entorno axeitado para o desenvolvemento de programas de I+D+i.

 

Programa de avaliación e tratamento de menores en situación de risco e desamparo diríxese a mozos e mozas con expedientes abertos polo Servizo de Protección de Menores que amosan desaxustes emocionais e conductuais severos, ben sexan froito de situacións de desprotección ou maltrato, de adversidades asociadas a separacións familiares ou de dificultades na convivencia dentro da súa familia de orixe. Trátase dunha aposta pola creación e aplicación dun servizo especializado e de calidade deseñado pola Unidade de Investigación sobre Intervención e Coidado Familiar (UIICF) e desenvolvido mediante un convenio asinado en 2012 pola Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña a través da Fundación Universidade da Coruña (FUAC).

 

Baixo a dirección científica e técnica da UIICF, o programa conta cunha rede profesional de atención terapéutica con sete dispositivos distribuídos pola comunidade galega e vinte especialistas en Psicoloxía clínica, Terapia familiar e Psicoterapia infantil e adolescente mobilizados grazas aos recursos públicos proporcionados polas universidades de A Coruña e Santiago e polo Servizo Galego de Saúde.

 

Os beneficiarios do programa, menores de entre 13 e 18 anos nun 77,5% dos casos, sofren, na súa maior parte, un trastorno do apego coa consecuente insuficiente seguridade emocional para o desenvolvemento da capacidade de relación e adaptación do menor. Cabe destacar ademais que, ao inicio do tratamento, máis dun 44% dos adolescentes atópanse baixo a tutela da Xunta ou en situación de garda administrativa.

 

tratamento terapéutico desenvólvese nunha media de oito meses, ao longo dos cales ten lugar un promedio de doce sesións, as cales son de carácter individual nun 51% dos casos e familiar no 49% restante.

 

A través de diferentes tipoloxías de cuestionarios e observacións rigorosas, a UIICF avalía o nivel de eficacia do programa e, tal e como conclúe no seu derradeiro estudo de resultados, preto do 70% dos casos finalizan cun resultado valorado coma “logro óptimo” ou “mellora parcial pero suficiente” (segundo as puntuacións da denominada Escala de Consecución de Obxectivos, coñecida pola súa sigla en inglés GAS-Goal Attainment Scale).