Actualidade

Internacionalización de estudos a pesar da pandemia

04/10/2021

 

Unha vez finalizadas as súas estancias no estranxeiro para a internacionalización dos seus estudos a través de convenios de colaboración coa Cátedra Luís Fernández Somoza, os estudantes da Universidade da Coruña que foron beneficiarios das axudas contan a súa experiencia en centros académicos como a University of South Wales ou a Rennes School of Business.


David, Álvaro e Manuel son alumnos do Grao en Administración e Dirección de Empresas que tiveron a oportunidade de realizar unha estancia Erasmus na University  of  South Wales, en Reino Unido.


David subliña a implicación dos docentes


“Para o desenvolvemento das materias contabamos con clases en liña nas que un profesor expoñíanos cada materia co fin de abordar uns coñecementos que transmitiríamos nun traballo final que marcaría a nota desa materia. A experiencia aquí foi moi boa xa que, sen excepcións, os profesores eran grandes profesionais aos que lles gustaba impartir a materia a pesar das condicións ás que se tiveron que adaptar. Sentín que estaba apoiado por eles en todo momento e transmitían ganas de aprender. Ademais, nas clases tratabamos cos nosos compañeiros e tivemos que realizar varios traballos en grupo grazas aos cales puiden traballar con varias persoas de diferentes países, algo ao que non estaba afeito pero que foi moi satisfactorio”.


Álvaro destaca o carácter eminentemente práctico das clases


“Algo interesante deste curso foi o temario que tratamos ao longo do ano, que abarcaba menos materia, pero profundaba moito en cada tema que estudabamos. E é que o curso centrouse maioritariamente en aspectos da ética da empresa, tocando puntos do trato aos traballadores; aquí analizamos un famoso caso de escravitude moderna (Bohoo) e tocamos tamén temario relacionado co compromiso co medio ambiente. Coñecementos que nesta época son moi necesarios dada a importancia que se lle está dando.
O curso, en xeral, era máis práctico que teórico, o mesmo pasaba coas clases. Estas realizábanse a través de workshops nos que o profesor daba algún tema da materia e logo lanzaba preguntas para que todos os alumnos que quixesen abrisen o micrófono e rebatesen as súas ideas e opinións”.


Manuel agradece a autonomía que a University of Wales brinda ao alumnado


“Debo resaltar o labor dos profesores da USW, sempre fomentando a participación dos alumnos nas clases mediante preguntas, traballos grupais e con clases de duracións óptimas e dinámicas que permitiron que a experiencia das clases en liña fose o máis amena posible. As poucas horas de clases semanais con respecto á Universidade da Coruña representan tamén un dos grandes cambios aos que adaptarse. Afeito a clases diarias e unha folla de ruta ben clara no que se refire a que estudar, na USW promóvese un sistema de traballo onde un mesmo márcase o seu traballo semanal e cada un escolle os temas aos que dedicar os traballos. No meu caso, isto permitiume tanto aprender a manexar o meu tempo como a descubrir a fondo os meus gustos, xa que, á hora de realizar e escoller os temas dos devanditos traballos, deime conta dos temas que realmente me atraían, o cal pódeme axudar a postular o meu futuro”.


Nuria realizou o seu Msc International Negotiation and Business Development en ESC Rennes School of Business, en Francia, e finalizará as súas prácticas en outubro. Da súa experiencia destaca os recursos ofrecidos pola universidade de acollida a pesar das restricións derivadas da crise sanitaria e agradece o apoio directamente relacionado coa procura de prácticas.

 

“Apostan sen dúbida por unha metodoloxía e técnicas diferenciadoras para asegurarse de que os seus alumnos adquiren unha comprensión global da negociación internacional e da complexidade dos negocios interculturais.


Foméntase constantemente a creación de asociacións de estudantes de todo tipo (investimento financeiro, deportes, idiomas, cultura, ecoloxía) e facilítaselles o seu propio despacho para establecerse. Todas están reguladas pola universidade, así como sometidas a unha auditoría. Calquera alumno pode formar parte delas e facer suxerencias ou organizar eventos de calquera índole. Cabe destacar que a súa atención cara aos recentemente chegados é magnífica, o trato é moi cálido e próximo e sempre están dispostos a axudar. Adoitan ser alumnos que viviron previamente unha experiencia de inmersión noutro país polo que a sensibilidade é maior. 


Debido á situación actual na que vivimos e as restricións sanitarias que se deben cumprir, este ano implantouse un sistema e-live para a docencia, isto é, unha combinación entre clases presenciais para a metade do grupo mentres que a outra metade asiste mediante Teams e interactúa co profesor en tempo real utilizando un sistema de cámaras, whiteboard e televisións.


A procura de prácticas é un quebradizo de cabeza para calquera estranxeiro, especialmente nun ano no que a oferta viuse moi reducida polos efectos económicos da crise do covid-19. Afortunadamente, a universidade conta cun departamento enfocado a este fin, axudar aos aspirantes para conseguir as súas prácticas. Ademais, realizan numerosos talleres para revisar e mellorar o CV así como o perfil de LinkedIn (en Francia utilízase moitísimo), cada semana publican as ofertas de prácticas que o departamento conseguise, ofrécense titorías personalizadas e lanzaron o buscador JobTeaser con ofertas exclusivas de empresas para estudantes da Rennes School of Business”.